Os continuos ouriños deterioran o pórtico da porta norte da catedral de Lugo
Barallan pechar o adro da catedral pola noite
Multadas unhas 60 persoas por ouriñar no centro de Lugo nas últimas semanas
A Policía Local de Lugo multou outros 17 mozos nunha soa noite por ouriñar en diversos espazos do recinto histórico. Entre eles, figura a contorna da catedral, que conflúe con outros dous bens culturais que tamén son Patrimonio da Humanidade, a muralla romana e mais o Camiño Primitivo.
No caso do principal templo lugués, dende o bispado sinalan que as miccións están a danar elementos como o pórtico da porta norte. Ante o que está a acontecer, dende o bispado de Lugo mesmo barallan a posibilidade de pechar polas noites o pórtico norte e incluso o adro.
Mario Vázquez, deán da catedral de Lugo: "Este pórtico estivo pechado. Pois teriamos que volvelo pechar. Sería cunhas reixas bonitas, de acordo con Patrimonio. E o atrio tamén estivo pechado. De feito, hai tres entradas distintas que probablemente tiveron cancelas".
En total, nas últimas semanas foron multadas unhas 60 persoas por ouriñar no centro da capital luguesa, con sancións que poden acadar os 900 euros. Estas agresións véñense sumar ás pintadas que nos últimos días danaron o chan da praza de Santa María, entre a catedral e o pazo episcopal.