Mrsic: "Ante o Andorra precisamos xogar a un ritmo alto, pero con cabeza"
O técnico croata tamén confirmou que o pivote grego Dimitrios Agravanis xa está listo para xogar
O adestrador do Río Breogán, Veljko Mrsic, pediu ao seu equipo un “ritmo alto” de xogo, pero “con cabeza” para tomar boas decisións, no partido que disputarán este venres contra o Morabanc Andorra, un equipo que conta con xogadores “con moita experiencia” pesar de ser un recentemente ascendido á liga Endesa.
“Ten moitos xogadores por encima dos 30 anos, que levan moitos anos xogando en Europa. Se imos xogar cinco contra cinco a un ritmo lento, creo que teremos problemas. Será importante xogar a un ritmo alto pero con cabeza, tomando boas decisións”, sinalou en conferencia de prensa.
O técnico croata recoñeceu que a inesperada baixa do base esloveno Zan Mark Sisko, quen pediu ao club a súa saída por motivos persoais, é “un problema” porque o esloveno estaba chamado a ter un papel “importante” no xogo do equipo.
“Sorprendeunos a súa decisión, pero o xogador máis importante é o equipo. Nestas dúas tempadas xa perdemos a xogadores importantes por lesión, e o equipo respondeu ben. Estamos preparados para dalo todo e xogar un bo partido en Andorra”, indicou.
Mrisc tamén confirmou que o pivote grego Dimitrios Agravanis, fichado a principios de mes para suplir a baixa do lesionado Toni Nakic, xa está listo para xogar despois de recuperarse da lesión muscular sufrida no amigable contra o Valencia Basket.