Publicador de contidos

Publicador de contidos

Terio Carrera, premio Deporte Galego 2025 ao mellor labor informativo

Terio Carrera, premio Deporte Galego 2025 ao mellor labor informativo

Ana Peleteiro, Jaime Duro, Susana Rodríguez ou Claudio Giráldez entre o resto de premiados

A gala terá lugar o 29 de outubro e poderase seguir por AGalega

G24.gal 19/10/2026 16:17

Os Premios Deporte Galego que impulsa cada ano a Xunta de Galicia premian nesta edición de 2025 o xornalista da CSAG Terio Carrera polo seu labor informativo, de ampla traxectoria, seguindo o deporte galego.

Terio Carrera, con case catro décadas de traballo ás súas costas na Televisión de Galicia e na Radio Galega, é un dos rostros máis recoñecidos desta casa, onde segue a presentar os informativos deportivos no Bos días. 

 

Máis premiados

Os Premios Deporte Galego 2025 distinguen tamén a atleta Ana Peleteiro como mellor deportista en categoría feminina e o piragüista Jaime Duro na masculina. Canto aos mellores deportistas con discapacidade na categoría feminina o galardón recaerá na triatleta Susana Rodríguez Gacio e na masculina no piragüista Nicolás Martínez. Ademais, o equipo genuine do Racing Club Villalbés recibirá a distinción como equipo de deportistas con discapacidade. 

Pola súa parte, a baloncestista Inés Sotelo e o piloto de automobilismo Christian Costoya serán recoñecidos como mellor deportista revelación feminina e masculino. No caso dos equipos, o Club Balonmán Porriño será distinguido como mellor equipo feminino e o Real Club Celta de Vigo como mellor equipo masculino. O mellor adestrador/a para Claudio Giráldez; ao mellor árbitro/a ou xuíz/a para Zeltia García, xuíza de ximnasia.

O mellor evento deportivo para a proba ciclista O Gran Camiño; a Pescamar na categoría de patrocinio deportivo; ao piragüista Martín Jácome e á Federación Galega de Balonmán na de xogo limpo e á Agrupación Deportiva Baixo Miño na de entidade na promoción do deporte base. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade