Morren dúas mulleres no incendio do piso en que vivían no barrio de Covadonga en Ourense
As falecidas tiñan 71 e 50 anos
Os servizos de Emerxencia desaloxaron o inmoble por completo por razóns de seguridade
Dúas mulleres morreron este sábado nun incendio que se rexistrou nun edificio da rúa Manel Lago, no barrio ourensán de Covadonga.
A Policía Nacional e o servizo de Urxencias Sanitarias do 112 confirmaron os dous falecementos.
O incendio obrigou desaloxar os veciños do inmoble. É un bloque de vivendas de protección oficial construído neste barrio ourensán. Ao parecer, as vítimas mortais das lapas son dúas mulleres que chegaron a Ourense desde o estranxeiro para traballar na cidade.
O 061 confirma que as mulleres tiñan 71 e 50 anos. Emerxencias recibiu o aviso contra as 07:30 horas da mañá deste sábado e desprazou ata o lugar os Bombeiros de Ourense, a Policía Local, a Policía Nacional e o servizo de Urxencias Sanitarias con equipos médicos e dúas ambulancias asistenciais.
Varias dotacións dos bombeiros traballaron varias horas para sufocar as lapas. O fume saía dunha das vivendas da parte traseira do edificio que dá ao Colexio Virxe de Covadonga.
Agora investíganse as causas que puideron orixinar este incendio.