Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre unha muller de 63 anos en Carballo tras bater un coche cun camión

Morre unha muller de 63 anos en Carballo tras bater un coche cun camión

Pese ao esforzo dos servizos de emerxencia, estes non puideron facer nada para salvar a vida da falecida

G24.gal 16/10/2023 08:20

Unha persoa faleceu e dúas quedaron feridas tras a colisión entre un turismo e un camión de transporte de animais no municipio coruñés de Carballo, segundo informou Emerxencias 112 Galicia.

Foi nun cruzamento de catro estradas da parroquia carballesa de Sofán, no lugar de Guitoi, onde se produciu o accidente. A vítima, unha muller de 63 anos, viaxaba á súa casa natal na compaña da súa neta e do seu fillo, que conducía o coche. Por motivos que se descoñecen, o vehículo impactou cun camión de transporte de gando que pasaba polo cruce no mesmo momento. 

"Cando chegamos non foi necesario excarcerar o corpo, xa estaba na estrada, retirado polas primeiras testemuñas do accidente. Despois chegaron os equipos médicos e tentaron reanimala pero non se puido facer nada", explica Xabier Souto, coordinador de Emerxencias e Protección Civil de Carballo.

O condutor do camión, tamén veciño da zona, así como o fillo e a neta da falecida, non resultaron feridos de gravidade

"Non estaban feridos, estaban moi nerviosos e foron trasladados a unha proba de observación polo tipo de accidente que foi, pero a única vítima foi a muller que viaxaba na parte traseira do coche", engade Xabier Souto.

O accidente produciuse sobre as sete da tarde. Ata alí se desprazaron os bombeiros de Bergantiños, Protección Civil, o 61 e Atestados de Tráfico, que investigan para esclarecer as causas da colisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade