Morre unha persoa atropelada por un tren na Coruña
O tren rexional que percorre o traxecto entre A Coruña e Ferrol bateu cunha persoa, preto do porto, na estación de San Diego

Unha persoa morreu á primeira hora na Coruña ao ser alcanzada por un tren á altura da estación de San Diego, informa Emerxencias.
Trátase dun convoi que realizaba o traxecto entre A Coruña e Ferrol e levaba unhas 15 persoas a bordo, todas en bo estado.
O tráfico ferroviario estivo cortado mentres traballaban os equipos de emerxencias e de seguridade. Restableceuse as 9:30 horas, informou o centro de seguridade ferroviaria.
Sobre as sete desta mañá, o persoal de seguridade da compañía comunicou ao 112 Galicia o accidente. O tren rexional que percorre o traxecto entre A Coruña e Ferrol batera cunha persoa, preto do porto, na estación de San Diego. Posteriormente, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron o seu falecemento.
Co fin de levar a cabo as investigacións pertinentes, desde o 112, pediuse a colaboración dos axentes da Policía Local e Nacional. Tamén se informou aos Bombeiros da Coruña por se fose necesaria a súa intervención.