Morre un narco en Cádiz nunha persecución a unha planadora, o segundo en febreiro
Segundo relata a Garda Civil, o falecido caeu á auga e rexeitou os medios de rescate que lle ofrecían os axentes

O tripulante dunha narcolancha morreu nunha persecución cunha patrulleira da Garda Civil a 37 quilómetros ao sur da desembocadura do río Guadalquivir, segundo informaron este martes fontes do instituto armado.
O accidente, en que outro ocupante quedou ferido, produciuse sobre as 21:45 horas deste luns, cando a patrulleira Río Tietar da Garda Civil viu unha narcolancha con tres motores e cargada de fardos.
Durante a persecución, un dos narcos caeu á auga, e a Garda Civil lanzoulle distintos medios como un chaleco salvavidas, un cabo e mesmo unha boia.
O home, marroquí de 23 anos, rexeitou esta axuda e tamén a dun axente que se tirou ao mar e ao que empuxou, segundo informa a Garda Civil.
Finalmente morreu "por causas que teñen que determinar os servizos sanitarios", segundo o portavoz da Comandancia de Cádiz.
Outro dos ocupantes quedou ferido, foi trasladado en helicóptero e ingresou nun hospital, mentres que outros dous foron detidos. A embarcación e a droga que levaban foron confiscadas.
Trátase do segundo narco que morre este mes de febreiro en persecucións da Garda Civil a embarcacións que trasladan droga na provincia de Cádiz.
O pasado día 7, un veciño de Barbate (Cádiz) de 39 anos morreu e outro quedou ferido ao chocar a embarcación na que viaxaban, cargada de haxix, cunha patrulleira da Garda Civil que a perseguía en augas do Estreito.
Nesa ocasión o accidente ocorreu a uns 18,5 quilómetros de Tarifa (Cádiz), cando un dos dous ocupantes da embarcación, unha recreativa, ao ver achegarse a patrulleira do Servizo Marítimo da Garda Civil, comezou a tirar ao auga fardos de haxix, mentres o seu compañeiro cambiaba o rumbo.
A desembocadura do río Guadalquivir converteuse nun dos lugares máis utilizados polos narcotraficantes para desembarcar a droga que transportan nas narcolanchas. De feito, ademais de polas redes que trafican con haxix, é usada tamén polas que se dedican á cocaína.
É un dos lugares aos que se estendeu a súa acción para evitar a presión policial que se estableceu no Campo de Xibraltar.
Nestas mesmas augas faleceu outro narcotraficante hai pouco máis dun ano, nun accidente durante unha persecución que se produciu un mes antes de que dous axentes da Garda Civil morreran no porto de Barbate ao ser golpeados por unha narcolancha.