Operación antidroga en Vigo e Ponteareas: 6 detidos e medio millón de euros agochados nun coche
Os axentes sinalan o principal responsable da organización, que operaba desde Ponteareas, como a persoa que distribuía a droga entre compradores habituais que llela facían chegar aos vendedores finais
Axentes da Policía Nacional desmantelaron unha organización dedicada á distribución de cocaína e haxix na área metropolitana de Vigo e detiveron seis persoas na propia cidade de Vigo e en Ponteareas.
A actuación policial permitiu intervir unha importante cantidade de droga, armas, munición, varios vehículos e preto de 670.000 euros en efectivo.
A investigación iniciouse cando os axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) da Comisaría de Vigo-Redondela detectaron a existencia desta organización. As pescudas permitiron identificar o presunto responsable da rede, un home establecido en Ponteareas, desde onde presuntamente dirixía e coordinaba a actividade de distribución de substancias estupefacientes.
Os axentes lograron determinar a existencia dunha estrutura organizada de distribución en varios niveis. O principal investigado fornecía importantes cantidades de droga a unha serie de compradores habituais, que á súa vez abastecían outros distribuidores dun chanzo inferior, ata chegar finalmente aos vendedores encargados da súa comercialización polo miúdo.
Na noite do 6 de outubro, os axentes observan un intercambio entre o principal investigado e varios compradores, nun descampado de Vigo, ao que se desprazarían nos seus respectivos vehículos.
Tras abandonar o lugar, o vehículo dos compradores foi interceptado polos axentes, que localizaron no seu interior 15 quilogramos de haxix e un quilogramo de cocaína. Nese momento prodúcese a detención dos seus dous ocupantes.
Minutos despois, os investigadores observaron como outro comprador habitual acudía ao mesmo descampado, reuníanse co principal investigado e realizan un segundo intercambio.
O vehículo deste segundo comprador foi tamén interceptado. No interior había 300 gramos de haxix e 21.000 euros en efectivo, motivo polo que se procedeu tamén á detención do comprador.
Tras estas actuacións, os axentes estableceron un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do domicilio do principal investigado, en Ponteareas, xa coa intención de detelo.
Na madrugada do día 7 de outubro, os investigadores observaron como dous vehículos abandonaban a vivenda, procedendo a interceptar ambos.
Nun deles viaxaba o principal investigado, mentres que o segundo era conducido pola súa cuñada. Durante a inspección deste último turismo, os axentes localizaron 88.000 euros en efectivo, distribuídos en paquetes envasados ao baleiro, un sistema presuntamente empregado para facilitar a súa ocultación e transporte. Ambos foron detidos.
Posteriormente, durante a tarde do día 7 de outubro practicáronse dous rexistros domiciliarios, un na vivenda do principal investigado, situada en Ponteareas, e outro nun inmoble situado no barrio vigués da Salgueira, vinculado a outro compoñente da organización.
No rexistro da vivenda de Ponteareas, os axentes localizaron 69 cartuchos de munición do calibre 9 mm Parabellum, así como un machete e unha máquina de envasado, coa que presumiblemente embolsaban o diñeiro. Tamén se interviñeron 27.000 euros en efectivo, distribuídos en distintos puntos do inmoble, e unha motocicleta.
A actuación de maior relevancia económica tivo lugar nunha praza de garaxe alugada, onde os investigadores atoparon un turismo rexistrado a nome do principal investigado.
Durante a inspección do vehículo, os axentes descubriron preto de 530.000 euros, ocultos no seu interior e dispostos tamén en paquetes xa envasados.
Paralelamente, os axentes realizaron un rexistro no domicilio doutro dos investigados, situado no barrio da Salgueira, en Vigo. Procedeuse á súa detención e interviñéronse catro quilogramos de haxix, seis gramos de MDMA, unha pistola do calibre 7,65 mm cargada con tres cartuchos, unha catana, básculas de precisión e 2.500 euros en efectivo, ademais dunha motocicleta.
En total, a operación saldouse coa detención de seis persoas.
Todos os detidos, acusados entre outros de delito de pertenza a organización criminal, tráfico de drogas e branqueo de capitais foron postos ao dispor xudicial na mañá deste venres.