Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un motorista tras ser alcanzado por un coche en Paderne

Morre un motorista tras ser alcanzado por un coche en Paderne

Os primeiros indicios da investigación apuntan a que o coche invadiu o carril contrario

G24.gal 30/04/2022 09:15 Última actualización 14:30 30/04/2022

As curvas que inzan a estrada entre Betanzos e Vilalba conforman un tramo especialmente delicado ao seu paso polo concello coruñés de Paderne. Foi aí precisamente, á altura da parroquia de Obre, onde se producía pouco despois das cinco da mañá o accidente mortal. Un turismo chocaba cunha motocicleta e o piloto desta última falecía practicamente no acto.

As primeiras investigacións da Garda Civil de Tráfico apuntan a que foi o coche, en que ía unha soa persoa, o que supostamente invadía o carril contrario e batía frontalmente contra o scooter.

"Encontramos un accidente entre un turismo e unha  motocicleta no que, a priori, o turismo invadiu o sentido contrario e colidiu frontalmente contra a motocicleta, co resultado do condutor da motocicleta falecido", manifesta Antonio Velasco, capitán adxunto da Garda Civil de Tráfico do destacamento da Coruña.

O motorista que morreu é un veciño da localidade coruñesa de Paderne de 54 anos, moi coñecido na zona. Aínda que os servizos médicos trataron de reanimalo, non puideron evitar a súa morte.

O condutor do turismo tivo que ser atendido tamén dunha crise nerviosa. A Garda Civil de Tráfico está a investigar agora as circunstancias do accidente, xa que na zona hai numerosas limitacións de velocidade a cincuenta quilómetros por hora que, segundo a veciñanza, moitos condutores non respectan. Os bombeiros de Betanzos encargáronse de retirar os restos da calzada, que permaneceu pechada nun dos seus carrís durante preto de tres horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade