Trump entra na guerra contra Irán cun ataque masivo ao programa nuclear iraniano
Trump: "As instalacións nucleares de Irán foron completamente destruídas"
Benjamin Netanyahu felicitou a Donald Trump pola súa "audaz decisión" porque "cambiará a historia"

Os Estados Unidos entraron na madrugada deste domingo de xeito abrupto na guerra de Israel contra Irán co bombardeo das tres principais instalacións do programa nuclear iraniano.
Nunha breve mensaxe á nación dende a Casa Branca, Donald Trump sorprendeu o mundo ao anunciar que as Forzas Armadas acababan de completar un "exitoso ataque" contra as tres principais instalacións nucleares de Irán: Fordow, Natanz e Isfahán.
"Unha carga completa de bombas foron lanzadas no lugar principal, Fordow", dixo na rede social Truth ás 19:50 hora local.
Pouco despois, fontes de Defensa revelaron que neste punto, varios bombardeiros B-2 lanzaran bombas anti-búnker GBU-57, de 13.000 quilos cada unha, nunca antes usadas en combate real. Esa planta nuclear está baixo unha montaña, a uns 90 metros de profundidade.
As outras dúas instalacións -Natanz e Isfaham- foron atacadas cunha trintena de mísiles Tomahawk lanzados dende submarinos situados a más de 600 quilómetros de distancia.
Completamente destruídas
Unha vez que os avións estadounidenses saíron do espazo aéreo iraniano, Trump anunciaba xa na súa rede social o éxito da operación.
— Donald J. Trump (@realDonaldTrump) June 21, 2025
O mandatario confirmou que as plantas de enriquecemento de uranio do país persa quedaron completamente destruídas.
"O noso obxectivo era a destrución da capacidade de enriquecemento nuclear de Irán e deter a ameaza que supoñía para o mundo o principal estado patrocinador do terrorismo. Esta noite pode reportar ao mundo que os ataques foron un espectacular éxito militar. As principais instalacións de enriquecemento nuclear de Irán foron completa e totalmente destruídas", aseverou Trump.
Ademais, ameazou o réxime de Teherán con máis ataques se "a paz non chega rápido".
"Irán, o matón de Oriente Medio, agora debe facer a paz. Se non o fai, os futuros ataques serán moito máis grandes e máis fáciles", asegurou en ton desafiante e acompañado polo seu vicepresidente, JD Vance; o secretario de Defensa, Pete Hegseth, e o secretario de Estado, Marco Rubio.
Paz ou traxedia
Trump dixo que agora o réxime iraniano debe elixir entre "a paz ou unha traxedia máis grande que a que viron nos últimos oito días" e engadiu que hai outros moitos obxectivos en Irán que poderían atacar se o deciden.
"Se a paz non chega rápido, iremos tras esoutros obxectivos con precisión, rapidez e habilidade", ameazou o mandatario.
O republicano asegurou que en todo este tempo estivo traballando co primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, "como un equipo como quizais non se viu antes".
Segundo fontes da Casa Branca consultadas por EFE, os Estados Unidos alertaron previamente a Israel dos ataques desta noite e logo Trump falou por teléfono con Netanyahu.
"Quero darlle as grazas ao Exército israelí polo marabilloso traballo que fixeron e, o que é máis importante, quero agradecer aos grandes patriotas estadounidense que pilotaron esas magníficas máquinas (os cazas) esta noite", engadiu este domingo.
O mandatario hebreo felicitou o presidente estadounidense pola súa "audaz decisión" que, na súa opinión, cambiará a historia.