Morre un bombeiro en Vigo ao caerlle unha parede enriba cando revisaba un edificio
"Era unha intervención rutineira, en 125 anos nunca pasara nada coma isto", lamenta o xefe do servizo
O Concello de Vigo decretou dous días de loito oficial e suspendeu todas as actividades lúdicas
Sergio S. D. de 49 anos, un bombeiro vigués veterano do corpo, faleceu este sábado nunha intervención rutineira. Morreu mentres revisaba, xunto a outros compañeiros, un edificio no que afundira parte da cuberta.
Segundo explicou en declaracións aos medios o xefe do servizo, Guillermo Domínguez, cando ían abandonar o inmoble tras rematar a inspección "parte do primeiro andar veu abaixo e colleuno".
"Era unha intervención rutineira, que facemos moitas veces en Vigo. Edificios que están abandonados, caen as cubertas, cousa que pasou hoxe. Acudiu desde (o parque de) Coruxo o retén completo (seis efectivos), visualizouse, comprobouse que había un derrube na cuberta, balizouse, e pouco máis podiamos facer que avisar a Urbanismo para que se tomasen as medidas oportunas", relatou.
O xefe de bombeiros constatou que foi "unha fatalidade" que "levou a vida" dun compañeiro. "En 125 anos nunca pasara nada como isto", lamentou.
Tras o derrubamento, pouco antes das 11:30 horas, o bombeiro quedou ferido de gravidade pero o persoal de urxencias desprazado ao lugar, o número 127 da Avenida de Beiramar, só puido certificar a súa morte.
O levantamento do cadáver produciuse pouco antes da unha do mediodía. Persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral, do xulgado e da Policía Xudicial inspeccionaron a zona.
Dous días de loito oficial
O tenente de alcalde, Carlos Font, e a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, lamentaron o falecemento e trasladaron o recoñecemento do Goberno local ao labor do falecido e de todo o servizo de bombeiros.
O concello de Vigo decretou dous días de loito oficial, suspendeu todas as actividades lúdicas e trasladoulle o pésame á familia nun comunicado oficial.