Un home de 47 anos morre en Muxía nun accidente cunha moto acuática
Un mariñeiro saíu ao rescate coa súa lancha e trasladou a vítima ata o porto
Partira da praia dos Muíños e apareceu aboiando preto da embarcación
Un home faleceu este domingo en Muxía, segundo todos os indicios, tras caer á auga dende unha moto acuática, que estaba ao seu carón. Segundo informa o 112, varias persoas alertaron aos servizos de emerxencias do accidente.
Algunhas das testemuñas aseguraron que saíra ao mar e, tras precipitarse, un mariñeiro saíu ao rescate coa súa lancha e trasladouno ata o porto. Alí tentou reanimalo sen éxito, estaba en parada cardiorrespiratoria.
Ocorreu sobre as 17:30 horas. No operativo participaron Salvamento Marítimo, o 061, a Policía Local, a Garda Civil, Protección Civil de Muxía e os Bombeiros de Cee.
A vítima apareceu aboiando preto da súa embarcación. Amigos e familiares saíran na súa busca ao ver que tardaba en chegar. Partira da praia dos Muíños.
Será a autopsia a que revele se sufriu algunha indisposición antes de caer á auga ou levou un golpe. O mar estaba calmo e a vítima era patrón de pesca.
#AXEGAInforma dunha persoa falecida
— 112 Galicia (@112Galicia) May 25, 2025
📍Porto de #Muxía
▶️Puido caer dunha moto acuática e apareceu aboiando no mar
🚨Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros Cee, Protección Civil, @guardiacivil, Policía Local, @salvamentogob pic.twitter.com/YiuFDqBD8B