Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un bombeiro dun ataque cardíaco en Portugal

Morre un bombeiro dun ataque cardíaco en Portugal

Combatía un incendio en Caldas da Rainha

En Portugal hai activos 3 grandes incendios, o maior na serra da Estrela

G24.gal 17/08/2022 21:50

Un bombeiro morreu este mércores dun ataque cardíaco mentres combatía un incendio en Portugal.

No país veciño mantéñense activos tres grandes incendios forestais. O máis preocupante segue sendo o que se desatou na serra da Estrela hai 12 días.

A vítima faleceu cando circulaba nun vehículo de extinción, na que era a súa primeira misión deste mércores, segundo explicou nunha conferencia de prensa o segundo comandante nacional de Protección Civil lusa, Miguel Cruz.

O bombeiro participaba nos labores de combate dun incendio en Caldas da Rainha no que outro operativo quedou ferido leve.

O lume afecta unha zona de eucalipto e o forte vento está a provocar que avance de forma "vigorosa", segundo Miguel Cruz.

O incendio da serra da Estrela mantén dúas frontes activas

O lume empezou a madrugada do 6 de agosto e foi dado como controlado o día 13, pero volveu reavivarse este luns.

Protección Civil reiterou que o 90 % do incendio, que calcinou preto de 25.000 hectáreas, está "dominado".

Este incendio, no que traballan uns 1.600 bombeiros, máis de 500 vehículos terrestres e 15 medios aéreos, acumula desde que empezou 21 feridos lixeiros, 3 graves (que xa recibiron a alta hospitalaria) e 46 asistidos.

Mantense a cifra de vivendas afectadas polo lume, unha casa e unha segunda residencia, ademais de edificios en ruínas, e este mércores non foi necesario realizar ningunha evacuación.

O terceiro incendio forestal activo en Portugal está en Alijó, no norte, con máis dun centenar de bombeiros mobilizados.

Portugal sofre desde fai máis dun mes unha vaga de incendios rurais que non dá tregua ás autoridades, que deben contrarrestar ademais os efectos dunhas condicións climáticas adversas, cun tempo seco, altas temperaturas e vento.

Todo o territorio continental está en situación de seca extrema ou severa, despois dun mes de xullo "moi seco" e coas temperaturas máis altas dos últimos 92 anos.

O Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera advertiu de que a partir do 20 de agosto comezará en Portugal unha nova vaga de calor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar