Morre Thierry Mugler, o deseñador que converteu os desfiles en espectáculos
O seu transgresor estilo marcou a moda dos 80 e dos 90
Vestiu a Madonna, Kim Kardashian, Irina Shayk, Beyoncé e Lady Gaga
Faleceu repentinamente este 23 de xaneiro aos 73 anos.
Consternación no mundo da moda pola repentina morte, aos 73 anos, de Thierry Mugler, o deseñador francés que marcou a moda dos anos 80. Foi o home que converteu as pasarelas en auténticos concertos.
Pero primeiro foi bailarín. Con 14 anos xa traballaba na Ópera do Rhin, e despois marchou a París para se facer un oco na danza. Mais os seus pasos pronto o levaron cara á moda.
Estilista independente en París, Londres e Milán, con 25 anos abre a súa primeira tenda, Café de París. E un ano despois funda a sociedade Thierry Mugler, coa que viste as mulleres con teatralidade futurista.
"A organización do vestido, a importancia dos ombros, o xogo e o ritmo das pernas", dicía Thierry Mugler, aprendeunos do baile.
A súa moda encaixaba nos excesos dos anos 80, a muller parecía transformarse nun robot ou nunha serea.
En 1984 reuniu 6.000 persoas nunha sala de concertos de París para amosar a súa última coleccción, o que inaugurou en Europa ese camiño do espectáculo: un desfile coma un concerto. Só coa moda en si non lle chegaba, quería teatralidade e música para presentala.
Nos anos 90 chegou o seu perfume Angel, que mesmo competiu co Nº5 de Channel. Lady Gaga, Madonna, Beyoncé e Kim Kardashian estiveron moi preto del. En 2019 Montreal dedicoulle unha retrospectiva que logo viaxou polo mundo.
Convertido en mito, morrreu inesperadamente. Deixa aquí as súas creacións, que invitaban a soñar en grande cada día.