Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o fonsagradino Julio Fernández, fundador de Filmax

Morre o fonsagradino Julio Fernández, fundador de Filmax

“Unha persoa como Julio non nace todos os días. É unha perda irreparable para o concello da Fonsagrada e para toda a comarca, polo empeño que sempre puxo en defender e axudar o seu pobo”, dixo o alcalde

Apostou polo cine en xéneros tan variados como o de terror con películas como Rec ou Romasanta, e mesmo impulsou a animación española a través de Bren Enterteinment

G24.gal 18/11/2025 14:14 Última actualización 18/11/2025 14:47

O falecemento de Julio Fernández, fundador da produtora Filmax e figura clave na industria do cinema español, deixou un profundo pesar no seu municipio natal, na Fonsagrada (Lugo), onde o seu alcalde, Carlos López, recoñece que se trata dunha “perda irreparable, para o concello e para toda a comarca”.

O rexedor local dixo a EFE que está “en contacto coa familia” e á espera do “traslado” dos restos mortais de Julio Fernández, que faleceu este martes en Miami, a España; para “estar con eles e render homenaxe” a un dos seus veciños máis ilustres.

“Unha persoa como Julio non nace todos os días. É unha perda irreparable para o concello da Fonsagrada e para toda a comarca, polo empeño que sempre puxo en defender e axudar ao seu pobo”, dixo o alcalde. “Sempre colaborou con todo o que se lle pediu”, subliñou.

“Ademais de ser un empresario que sempre investiu na Fonsagrada. No ámbito da cultura, cando lle outorgaban un premio, as súas primeiras palabras eran sempre para o seu lugar natal, Cereixido, onde está a casa en que naceu”, lembrou Carlos López. De feito, indicou que “a publicidade da Fonsagrada que Julio leva feito por todo o mundo, non só en España, é impagable”.

Ademais, sinalou que “algunhas das súas mellores películas como produtor foron rodadas na Fonsagrada”. E todo iso “ademais do boa persoa que era”, engadiu o primeiro edil, porque “ao seu carácter emprendedor” hai que sumarlle “a súa humanidade”. Era “unha persoa sinxela, que se relacionaba cos seus amigos de toda a vida, perfectamente integrada”.

O presidente de Filmax faleceu en Miami aos 78 anos. Nacido na Fonsagrada, Julio Fernández é todo un referente da creación, produción e distribución de contidos cinematográficos. Apostou polo cine en xéneros tan variados como o de terror con películas como Rec ou Romasanta, e mesmo impulsou a animación española a través de Bren Enterteinment. Entre outros recoñecementos, recibiu a Medalla Castelao e a Chave da Cidade de Miami, onde residía dende hai anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade