Morre o escritor e académico Xesús Alonso Montero aos 97 anos
O catedrático de Literatura Galega e investigador vigués foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017
Institucións, partidos e o mundo da cultura despediu ata este sábado un dos seus referentes intelectuais
Consulta unha das súas últimas entrevista en AGalega.gal
Real Academia Galega
O escritor, filólogo, docente e membro da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, faleceu en Vigo este xoves aos 97 anos de idade, segundo informou a institución nas súas redes sociais.
A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de don Xesús Alonso Montero, mestre de mestres e grande exemplo de compromiso coa defensa e o estudo da lingua e da cultura galegas. Foi presidente da RAGo entre 2013 e 2017. Que a terra lle sexe leve. pic.twitter.com/FjKK1Gu2AS
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) February 12, 2026
Nacido en Vigo en 1928, era licenciado en Filoloxía Románica, catedrático de Literatura Galega na Universidade de Compostela, membro do Consello da Cultura Galega e investigador.
A vizosa produción científica e divulgativa de Xesús Alonso Montero, unha figura central na cultura galega, abrangue os eidos dos estudos literarios sobre autores galegos e doutras linguas, a sociolingüística, a creación literaria e a colaboración na prensa.
Académico desde 1993, presidiu a RAG entre 2013 e 2017.
Unha figura central na cultura galega
Titulado en 1953 pola Universidade Central de Madrid, doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese Lingua e estilo de Curros Enríquez na súa poesía galega, dirixida por José Luis Pensado. Exerceu a docencia no ensino medio e universitario e, no ano 1991, gañou a cátedra de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Como investigador, foi un pioneiro no ámbito da sociolingüística aplicada ao caso galego. Ademais, o seu compromiso cívico e político nas filas do PCE desde 1962 custaríalle diversos episodios de represión durante a ditadura e determinaría a elección dalgunha das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a Guerra Civil, o franquismo e o exilio.
Alonso Montero exerceu, ademais, como biógrafo, investigando a vida e a obra de numerosos autores como Luís Seoane, Lorenzo Varela, Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro ou Rosalía de Castro.
Alonso Montero prestoulle ao longo da súa carreira unha especial atención á obra de poetas doutras linguas en lingua galega de distintas xeracións, como María Victoria Moreno ou Federico García Lorca, e levou a cabo tamén traballos sobre escritores de lingua castelá, catalá e portuguesa. A poesía popular de tradición oral foi outro dos seus campos de estudo, entre ela, a poesía medieval e dos séculos escuros.
Ademais de como analista, cultivou as letras como ensaísta, narrador, poeta e dramaturgo, así como o escrito xornalístico.
Institucións, partidos e o mundo da cultura mostran a súa pesar polo falecemento
Ademais da Real Academia Galega, numerosas institucións, partidos e o mundo da cultura amosaron o seu pesar polo falecemento do intelectual.
O Consello da Cultura Galega (CCG) emitiu un comunicado para expresar o seu pesar polo falecemento de "unha das figuras esenciais da cultura galega contemporánea" e "persoa estreitamente vinculada á traxectoria da institución", da que desempeñou o cargo de primeiro vicepresidente.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, cualificou a súa perda como "un pesar profundísimo para a cultura galega e, de maneira moi especial, para esta institución, na que desempeñou un papel determinante nos seus inicios". Ademais, destacou a súa relevancia como intelectual comprometido, cunha ampla presenza en institucións culturais e organizacións de carácter político, así como a súa activa proxección social e cultural.
Tamén trasladaron as súas condolencias e mensaxes de pésame en redes sociais entidades literarias, como Xerais ou Galaxia, e culturais, como a Asociación Galega de Editoras, a Fundación Otero Pedrayo ou a Fundación Rosalía de Castro, e mesmo empresas como R, ademais de escritores, pensadores e membros da comunidade cultural galega.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que a cultura e a intelectualidade de Galicia perdesen, coa morte de Montero, "un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea". "Por sorte, queda para sempre a súa ampla e valiosa obra", engadiu.
A cultura e a intelectualidade galegas perden un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) February 12, 2026
Por sorte, queda para sempre a súa ampla e valiosa obra. O meu máis sentido pésame á súa familia e amizades. Grazas, mestre!https://t.co/VD4gPGHmYy
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, considerou que a lingua galega perde coa súa morte "unha das súas voces máis lúcidas e apaixonadas".
As mensaxes de pésame foron chegando tamén desde o ámbito institucional, por parte das deputacións provinciais galegas e numerosos concellos e alcaldes da comunidade.
Entre eles, o do alcalde de Vigo, Abel Caballero, cidade onde Alonso Montero naceu e morreu, que expresou a súa pesar a través dunha mensaxe na súa rede social X, onde o cualificou de "galeguista, home sabio comprometido con valores do progresismo" e "figura transcendente para a historia de Galicia" que, dixo, "permanecerá para sempre na memoria da cidade de Vigo".
Tamén foron moitos os personaxes e partidos políticos que expresaron a través das súas redes sociais o pesar polo falecemento de Alonso Montero, entre elas o Partido Comunista de Galicia, no que o que fose presidente da RAG militaba desde 1962. Enrique Santiago, secretario xeral do PCE, referiuse a Alonso Montero como "camarada" nunha mensaxe de condolencias en X en que eloxiou o seu papel como "referente na loita contra a ditadura en Galicia".
Así mesmo, o secretario xeral dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro, reivindicou "unha vida enteira ao servizo da palabra, da cultura e de Galicia" e lembrou que Xesús Alonso Montero foi "compromiso, pensamento crítico e amor pola lingua ata o último día".
Pola súa banda, o BNG colgou unha mensaxe na súa páxina de X para lembrar a figura do que foi "profesor, investigador e escritor" e sen o que "a cultura galega perde unha figura relevante na súa historia contemporánea".
Do mesmo xeito, a través dun comunicado, o sindicato CCOO manifestou o seu "fondo pesar" pola morte de Xesús Alonso Montero, a quen definiu como un "incansable loitador pola clase traballadora e a memoria democrática". "Hoxe Galicia está de loito", proclamaron.
Montero, recolle CCOO, "deixa como legado unha longa e prolífica traxectoria de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas, así como pola recuperación da democracia no noso país".
Comisións Obreiras de Galicia e a súa fundación concedéronlle hai dúas décadas, en 2004, un dos Premios 10 de Marzo polo seu papel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita contra o franquismo. Xa en 2012, a Unión Comarcal de CCOO de Vigo tamén o fixo merecedor dunha distinción nos Premios Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade.