Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre afogado en Benicàssim un adolescente que xogaba ao voleibol no San Sadurniño

Morre afogado en Benicàssim un adolescente que xogaba ao voleibol no San Sadurniño

O mozo de 16 anos morreu nunha piscina dun hotel no que estaba concentrado para o Campionato de España Cadete de Voleibol

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 10/05/2024 18:06 Última actualización 10/05/2024 21:17

Un mozo galego de 16 anos, xogador do Club Aldebarán de San Sadurniño (A Coruña), faleceu este venres afogado nunha piscina dun hotel da localidade castellonenca de Benicàssim, segundo informaron fontes da Garda Civil.

O suceso produciuse na mañá deste venres. Tras recibir o aviso do 112, a Benemérita activou o protocolo xudicial e está á espera dos resultados da autopsia para esclarecer as circunstancias do falecemento.

Pola súa banda, o Centro de Información e Coordinación de Urxencias (CICU) detallou que sobre as 11:20 horas recibiu o aviso de que se sacou da auga inconsciente un menor da piscina dun hotel.

Ata o lugar foi unha unidade do SAMU, cuxo equipo médico realizou a reanimación cardiopulmonar avanzada e outras técnicas de recuperación ao rapaz, pero non houbo resposta e confirmaron o seu falecemento. A autopsia xudicial revelará as causas do afogamento.

A vítima atopábase no hotel con ocasión do Campionato de España Cadete de Voleibol, que se disputa en Castelló. O mozo deportista galego participaba na cita deportiva co seu club, o Aldebarán San Sadurniño, segundo sinalou a Real Federación Española de Voleibol Federación, que expresou as súas condolencias pola traxedia.

Segundo esta entidade, o menor "estaba a gozar, xunto aos seus compañeiros, da piscina e as instalacións do hotel en que se atopaba aloxado, durante a mañá libre que outorgaba o calendario de competición".

"Este tráxico acontecemento entristeceu a familia do vólei español, que perdeu unha nova e entusiasta promesa deste deporte", lamenta a Federación, que expresa as súas condolencias á familia do xogador, á Federación Galega de Voleibol e ao Club San Sadurniño por esta irreparable perda.

En memoria de Antón decretouse un minuto de silencio en todos os partidos das competicións estatais que se disputen en España esta fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar