Morre a muller que quedara ferida moi grave no atropelo múltiple de Burela
O Concello decide continuar coas festas, pero decreta varias medidas de loito
A muller que fora ingresada en estado crítico no Hospital de Burela logo do atropelo múltiple deste venres no campo da festa da localidade faleceu finalmente neste centro sanitario. Ingresara con feridas moi graves e con amputación dunha perna.
Segundo informaron fontes consultadas por Europa Press, trátase dunha das usuarias da Fundación Eu Son, que atende a persoas con discapacidade intelectual.
Ademais, outros cinco feridos continúan ingresados en planta estables, mentres que outros dous recibiron xa a alta.
O condutor do vehículo que causou o accidente, un octoxenario, tamén foi dado de alta.
Este sábado vivíase un profundo desacougo no porto de Burela. As barracas aínda estaban pechadas e apenas había xente nas tascas. Ninguén se podía quitar da cabeza as terribles consecuencias do atropelo masivo que se produciu no recinto feiral instalado no peirao, despois de saber que, finalmente, esta madrugada morreu a muller de 30 anos, veciña de Nois, que quedara máis grave logo da acometida.
"A morte desta muller é o peor", comentaba un dos hostaleiros que participan na festa.
Case 24 horas despois do atropelo masivo, as testemuñas non conseguen aínda explicarse como foi posible que se producira.
As festas continuarán, pero con medidas de loito
Logo de coñecer a tráxica noticia celebrouse unha nova xuntanza no concello, coa participación de membros do equipo de goberno, a comisión organizadora e os voceiros municipais. Os asistentes decidiron "continuar coa programación prevista das festas patronais, incorporando medidas de respecto institucional", como subliñaba a alcaldesa Carmela López.
Tamén amosou as súas condolencias o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Fíxoo a través dunha mensaxe en X.
Trasladamos o noso máis fondo pesar polo falecemento dunha das vítimas do atropelo ocorrido en Burela. Toda a solidariedade e afecto ás familias, á Fundación Eu Son e ao conxunto da veciñanza neste momento de dor. Galicia está ao voso carón
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) May 31, 2025
O concello de Burela subliña que "a decisión adoptouse escoitando múltiples opinións e tendo en conta a complexidade do momento, procurando un equilibrio entre o respecto debido e a continuidade dunha programación cultural e social que implica a moitas persoas da vila".
Neste senso, fixáronse varias medidas "como mostra de dor e respecto". As bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta desde este sábado ata as 23:59h do luns 2 de xuño. Ademais, gardarase un minuto de silencio antes de cada acto oficial a celebrar na xornada do sábado.
Na nota, insístese no acompañamento na "dor tan profunda" e nas mostras de apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
A comisión organizadora das festas acordou ademais a eliminación da pirotecnia prevista no programa.