Morre a muller queimada nun ataque por encargo do seu home en Madrid
Permanecía ingresada desde febreiro con queimaduras graves no 50% do seu corpo
O seu marido e os supostos autores materiais están en prisión provisional e sen fianza
A muller estaba no hospital La Paz de Madrid. EUROPA PRESS/ Ricardo Rubio
A muller de 30 anos que permanecía ingresada desde febreiro con queimaduras graves no 50% do seu corpo faleceu este sábado polas feridas sufridas no ataque que perpetraron dous sicarios por orde do seu home en Sevilla la Nueva (Madrid).
Coa súa morte, a terceira de 2026 nesta comunidade, xa son 29 as mulleres asasinadas por violencia machista en España no que vai de ano, e 1.370 dende o 2023, cando comezaron a recompilarse datos.
O ataque produciuse o pasado 2 de febreiro cando dúas persoas entraron no seu domicilio, asperxerona cun líquido inflamable e prendéronlle lume, causándolle queimaduras graves no 50% do seu corpo.
O 23 de marzo, a Garda Civil detivo tres persoas relacionadas co caso: o marido da muller, como presunto inductor da agresión, e outros dous homes como supostos autores materiais.
A muller permanecía ingresada desde entón no hospital La Paz, onde finalmente faleceu. Os tres detidos están en prisión provisional, comunicada e sen fianza, ata o de agora por un delito de homicidio en grao de tentativa.
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda todos os días da semana e as 24 horas do día no o teléfono 016, no correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e na canle do WhatsApp no número 600 000 016.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible, existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.