Montoro obtivo da Axencia Tributaria datos reservados sobre políticos e famosos
Presuntamente acadou información sensible de Rato, Pujol, Rafa Nadal e Aguirre sendo ministro de Facenda (2011-18)
Segundo consta no sumario do caso polo que está imputado, recibiu datos do caso Gürtel, o caso Pujol e o Canal de Isabel II

Cristóbal Montoro presuntamente obtivo da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) información reservada sobre políticos e famosos sendo ministro de Facenda (2011-18), segundo consta no sumario do caso polo que está imputado, recollido por Europa Press.
Nos correos transcritos hai información sobre os políticos Rodrigo Rato, Esperanza Aguirre, J. Piqué, o deportista Rafa Nadal, o caso Gürtel, o caso Pujol e o Canal de Isabel II. No caso de Nadal e de Aguirre, os correos aluden a inspeccións fiscais a ambos os dous.
A Fiscalía especial contra a corrupción e a criminalidade organizada, en colaboración coa Axencia Tributaria, constata así correos electrónicos relativos ao tratamento de información sensible e legalmente protexida, e outros a unha eventual intervención sobre decisións de funcionarios públicos.
A dirección aromero
Unha das direccións de correo corporativo que recibe esas informacións con datos relevantes e protexidos é aromero, a quen se dirixían os remitentes como "Ministro", segundo Fiscalía.
"Corroborarían que a dirección de correo electrónico aromero@minhap.es correspondería ao entón Ministro de Facenda Cristóbal Montoro", non só por citarse como destinatario "ao Ministro...".
Para a Fiscalía, tamén é relevante que, ao ser dunha caixa de correos corporativa do Ministerio, o asunto reflectido nos correos "confirmaría que tal destinatario recibe información en asuntos propios do exercicio de tal carteira ministerial".