O Goberno aproba a condonación de débeda ás CC. AA. e nega que supoña un "agravio"
A vicepresidenta primeira asegura que 7 de cada 10 euros condonados benefician comunidades gobernadas polo PP: "Onde está o agravio?"
O Goberno di que estamos ante unha medida "histórica" e cifra en 83.252 millóns a débeda que o Estado asumirá procedente do conxunto dos territorios
O PP insiste en que ningún dos seus presidentes autonómicos se acollerá á quitación e Galicia estudará recorrer xudicialmente a condonación da débeda
O Consello de Ministros aprobou este martes o anteproxecto de lei que permitirá a condonación de 83.252 millóns de euros de débeda a todas as comunidades autónomas que o soliciten. Unha medida que permitirá as autonomías aforrar entre 6.600 e 6.700 millóns de euros en intereses que poderán destinar a mellorar os servizos que prestan nos seus territorios, como a sanidade, a educación, a dependencia ou a vivenda.
A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, recalca que estamos ante unha medida "histórica" que beneficiará todas as autonomías de réxime común, "teñan ou non débeda co FLA, o Fondo de Liquidación Autonómica. Unha medida que, segundo dixo, "é boa" para todos os territorios e que non supón "ningún agravio" para ningún territorio.
Montero nega que a medida supoña un "agravio" entre rexións e afirma que 7 de cada 10 euros condonados benefician territorios gobernados polo PP. Segundo explicou, as comunidades máis beneficiadas son Andalucía, Valencia e as Canarias, as tres en mans do Partido Popular.
Por todo isto, a ministra pregúntase: "Onde está o agravio?". E pídelles ás comunidades populares que reflexionen, xa que son elas as que deben decidir voluntariamente se aceptan ou non esta quitación.
"Se o señor Feijóo non é capaz de facelo por ser refén das políticas ultras que ten o seu partido, polo menos que os presidentes autonómicos poñan por diante o interese da cidadanía e sexan coherentes co que interesa aos seus territorios e non cos mandatos que veñen de Xénova que non benefician a ninguén", dixo a vicepresidenta.
A ministra recoñece que o proxecto de lei nace dunha negociación aberta con ERC para Cataluña, pero co obxectivo de compensar a todas as comunidades autónomas do réxime común polo sobreendebedamento en que incorreron co Estado durante a crise financeira, aínda que matiza que as que non se endebedaron co Estado tamén poderán beneficiarse.
Así queda a quitación:
Comunidade Autónoma |
Condonación en millóns de euros |
Andalucía |
18.791 |
Aragón |
2.124 |
Asturias |
1.508 |
Baleares |
1.741 |
Canarias |
3.259 |
Cantabria |
809 |
Castela A Mancha |
4.927 |
Castela e León |
3.643 |
Cataluña |
17.104 |
Estremadura |
1.718 |
Galicia |
4.010 |
A Rioxa |
448 |
Madrid |
8.644 |
Murcia |
3.318 |
Comunidade Valenciana |
11.210 |
TOTAL |
83.252 |
O PP insiste en que ningún dos seus presidentes autonómicos se acollerá á quitación
A portavoz do PP no Congreso, Ester Muñoz, reiterou este martes que ningún presidente autonómico do Partido Popular se acollerá á quitación de débeda que aprobou o Consello de Ministros.
"Todos os presidentes autonómicos do Partido Popular afirmaron que non entrarían nesta trampa do Goberno", apuntou nunha conferencia de prensa na Cámara Baixa.
Muñoz volveu a criticar o anteproxecto de lei aprobado este martes, xa que con el, ao seu xuízo, "a débeda non desaparece", senón que "se reparte" e a pagan todos os españois.
Por iso, agregou, o que fai falta é unha nova lei de financiamento autonómico para todas as comunidades autónomas, debido a que a actual lei de financiamento vén dun pacto entre o expresidente José Luis Rodríguez Zapatero e o tripartito de Cataluña, que se fixo, no ano 2009, "sen falar co resto de comunidades autónomas".
Os socios de Goberno de Sumar apoiarán a medida, pero con condicións. Verónica Martínez, portavoz de Sumar no Congreso, avanzou este martes que van "presentar aspropostas como enmendas. Non decidimos nos a marxe de negociación".