Aprobado un decreto para evitar abusos en situacións de emexencia topando prezos
O Goberno declara zona de emerxencia os lugares afectados polas borrascas desde o novembro pasado
Un novo regulamento da comercialización de electricidade protexe os consumidores e acaba spam telefónico
(EFE/Román Ríos)
O Goberno aprobou este martes un decreto lei para topar os prezos de servizos ou produtos cando se produzan situacións de emerxencia co fin de evitar subidas abusivas para os consumidores.
Proponse prohibir elevar os prezos para que non sexan superiores ao máximo que tivesen nos últimos 30 días, nin que superen nun 50 % á media dese período.
Con esta medida búscase protexer aos consumidores ante os abusos que se denunciaron tras situacións excepcionais, como a ocorrida tras o accidente de tren en Adamuz, que provocou un aumento de prezos nas aeroliñas, ou tras os incendios do pasado verán ou a dina de Valencia.
As situacións nas que se poderán topar os prezos serán aquelas declaradas como de emerxencia de protección civil e outras que determine o Consello de Ministros.
O decreto lei, elaborado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios e habilita o Goberno a obrigar os comercializadores a informar o consumidor sobre o prezo medio e máximo ofertado en, polo menos, os 30 días previos á situación de emerxencia.
A norma tamén incorpora criterios de flexibilidade para non tensionar a oferta e permitirá incrementos do prezo só cando estean obxectivamente xustificados.
O Goberno declara 76 zonas de emerxencia en 14 comunidades polas sucesivas borrascas
Neste mesmo Consello de Ministros o Goberno declarou zonas afectadas por unha emerxencia de protección civil os territorios golpeados por un total de 76 episodios catastróficos, en 14 comunidades autónomas e na cidade de Ceuta, debido no seu maior parte ás sucesivas borrascas que azoutaron España desde o 10 de novembro pasado e o 9 de febreiro.
Esta declaración, a proposta do Ministerio do Interior, prodúcese "polos fenómenos meteorolóxicos adversos e outros sucesos de protección civil de diversa natureza que ocasionaron incidencias relevantes en persoas, bens, infraestruturas e servizos esenciais, alterando de forma significativa a normalidade nas zonas afectadas".
Entre as comunidades onde están estas zonas afectadas por estes 76 episodios catastróficos está Galicia, amais de Andalucía, Estremadura, Valencia, Castela e León, Castela-A Mancha, Baleares, Cataluña, Aragón, Asturias, Murcia, Cantabria, A Rioxa e Madrid.
Novo regulamento para a comercialización de enerxía eléctrica, coa fin do spam telefónico
Tamén en relación aos consumidores aprobouse este martes o decreto do regulamento xeral de subministración, comercialización e agregación de enerxía eléctrica recolle, entre outras medidas, a fin do spam telefónico, máis protección para usuarios do bono social e electrodependentes, maior axilidade nos cambios e nas reclamacións.
O texto prohibe, con carácter xeral, as chamadas telefónicas para facer publicidade ou para prácticas de contratación cando non fosen solicitadas previamente polo consumidor ou sexa el quen chame á compañía.
As comunidades autónomas e as entidades locais poderán declarar esenciais as subministracións dos beneficiarios do bono social eléctrico para evitar que se lles corte a luz en caso de falta de pagamento. Ademais, prohíbese cortar a subministración a consumidores electrodependentes.
Os fogares e pemes (menos de 15 kW de potencia contratada) poderán rescindir os seus contratos en calquera momento sen penalización, a menos que sexa antes da primeira prórroga anual dun contrato a prezo fixo no mercado libre.
Así mesmo, revísase a refacturación tras erros de lectura. Se é a favor do cliente, a empresa deberá devolver as cantidades indebidamente facturadas na seguinte factura, aplicando os intereses correspondentes máis un 1,5 %. Se é a favor da comercializadora, o importe prorratearase en tantos meses como os transcorridos desde o erro, e cun tope dun ano.
Ademais, axilízanse os prazos para os cambios de subministrador, que durarán 10 días como máximo, e tamén se reforzan as vías de reclamación dos consumidores.