O Congreso amplía os permisos parentais co apoio de todos os grupos agás Vox, que se abstivo
A medida foi aprobada con 313 votos a favor e ningún en contra
O decreto introduce dúas semanas retribuídas para o coidado de nenos ata os 8 anos e unha semana máis por nacemento, ata un total de 19 semanas pagadas

O Congreso dos Deputados convalidou este luns o real decreto-lei que amplía os permisos de nacemento e coidado, aprobado con 313 votos a favor, 33 abstencións de Vox e ningún en contra. A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, defendeu a medida como unha norma que garante dereitos, reduce a fenda de xénero e fomenta a igualdade.
O decreto introduce dúas semanas retribuídas para o coidado de nenos ata os 8 anos —para os nacidos desde agosto de 2024— e unha semana máis por nacemento, ata un total de 19 semanas pagadas, que poden chegar a 22 coa acumulación do permiso de lactación.
Díaz subliñou que beneficiará a case un millón de persoas o primeiro ano, incluíndo asalariados, empregados públicos e autónomos, cun custo inicial de 1.500 millóns de euros e 1.000 millóns anuais a partir de entón.
Críticas desde o apoio
Aínda que todos os grupos parlamentarios, agás Vox, votaron a favor, varias formacións expresaron críticas.
O PP apoiou con “un si rotundo á conciliación”, pero advertiu de que a medida se aplica igual a grandes empresas e pequenos autónomos, cualificándoa de “parche” tras a sanción do Tribunal de Xustiza da UE.
ERC reclamou tramitala como proxecto de lei para mellorala e engadir permisos adicionais. Bildu valorou a ampliación de dereitos, aínda que a cualificou de “tardía e insuficiente”.
Junts considerou positiva a reforma, pero pediu medidas para paliar o impacto en pemes.
O BNG lamentou que o Goberno “arrastre os pés” e non cumpra co comprometido.
O PNV sinalou que o dereito é “limitado e distorsionado” ao deixar fóra familias con fillos de entre 1 e 8 anos.
Desde Podemos, Noemí Santana acusou o Executivo de “estratexia trampulleira” e de manipular datos para presentar o decreto como un avance.
Vox di que non fomenta a natalidade
Vox foi o único grupo que non votou a favor. A súa deputada María de la Cabeza Ruiz cualificou a iniciativa como unha “oportunidade perdida”, ao considerar que non resolve os problemas de conciliación nin fomenta a natalidade.