Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo esixe eleccións a Sánchez se non logra apoio aos orzamentos en setembro

Feijóo esixe eleccións a Sánchez se non logra apoio aos orzamentos en setembro

O PP estuda unha reforma para que se disolvan as Cortes automaticamente cando un goberno acumule dúas prórrogas orzamentarias

Alberto Núñez Feijóo (Diego Puerta)
G24.gal 01/09/2025 14:12

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, esixiu este luns ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que presente antes de que acabe o mes de setembro os apoios parlamentarios que necesita para aprobar os orzamentos xerais do Estado e que, se non o logra, convoque eleccións.

"En caso de que non o faga, o Goberno xa non necesita volver ao Congreso dos Deputados. Que disolva as Cortes e que dea voz aos españois", afirmou nun discurso pronunciado en Aranxuez, onde o PP está a celebrar a reunión do seu Comité Executivo para establecer a súa estratexia neste novo curso político.

O PP, explicou, vai facer todo o que estea na súa man para poñer fin ao "disparate" de non ter orzamentos e por iso está a estudar cun equipo de xuristas todos os cambios oportunos que impidan que volva repetirse o escenario actual, en que están prorrogados os orzamentos de 2023 ao non lograr Sánchez o apoio dos seus socios para presentar as contas anuais.

O obxectivo desta posible reforma, que non detallou, é que cando un goberno acumule dúas prórrogas orzamentarias, automaticamente se disolvan as Cortes e se convoquen eleccións. "É sentido común: se un Goberno non ten apoio suficiente continuado para aprobar as contas, non pode seguir", insistiu o líder do PP, quen cualificou a situación actual como "despotismo orzamentario".

Feijóo afirmou na súa declaración que as prioridades do curso político que arrinca hoxe para o Partido Popular son tres: a rexeneración democrática, a política migratoria e a defensa do campo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade