Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno crea un imposto ás grandes fortunas e baixa o IRPF a rendas baixas

O Goberno crea un imposto ás grandes fortunas e baixa o IRPF a rendas baixas

Ampliará as reducións do IRPF a rendas de 18.000 a 21.000 euros e por debaixo de 15.000 euros estarán exentas de facer a declaración da renda 

Facenda anuncia "imposto de solidariedade" para fortunas de máis de tres millóns

Baixa o imposto de sociedades ao 23 % para as pemes que facturan menos dun millón de euros

O Goberno agarda recadar co novo paquete fiscal 3.144 millóns en dous anos

G24.gal 29/09/2022 10:38 Última actualización 29/09/2022 13:40

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou que o Goberno ampliará a redución polos rendementos do traballo no IRPF a rendas de 18.000 a 21.000 euros, en tanto que elevará o mínimo exento de tributación de 14.000 a 15.000 euros.

En conferencia de prensa para anunciar as medidas fiscais acordadas polo socios de Goberno para os Orzamentos de 2023, Montero explicou que o 50 % dos traballadores beneficiarase da ampliación da redución do IRPF, xa que o salario mediano é de 21.000 euros.

O impacto para os contribuíntes será de 1.881 millóns de aforro en dous anos, mentres que para un traballador sen descendentes que gaña 18.000 euros anuais calcúlase un aforro fiscal de 746 euros ao ano, co que tributaría un 40 % menos. 

"Protexemos ao 50 % de traballadores do noso país cunha medida que ten para eles un alto impacto, 746 euros fronte aos veintitantos que achega calquera deflatación, e que ademais é selectiva porque só e exclusivamente beneficia ás persoas que temos que protexer", afirmou a ministra.

Así mesmo, as rendas do traballo a partir de 15.000 euros (1.000 euros máis que agora) estarán exentas do pago do IRPF.            

Ademais aprobarase no IRPF unha rebaixa adicional do 5 % no rendemento neto de módulos para os autónomos e elevarase do 5 ao 7 % a redución para gastos deducibles de difícil xustificación na tributación en réxime de estimación directas simplificada para autónomos.

Facenda estima que se beneficiarán a 577.688 autónomos na rebaixa de módulos e 956.462 autónomos no réxime de estimación directa simplificada, cun impacto conxunto de ambas as medidas de 184 millóns de aforro para os contribuíntes.

Facenda anuncia un "imposto de solidariedade" para fortunas de máis de 3 millóns

A ministra de Facenda anunciou un "imposto de solidariedade" para fortunas de máis de 3 millóns de euros, deducible no imposto de patrimonio e que afectará 23.000 contribuíntes, un 0,1 % do total.

Montero detallou que o novo imposto, que estará en vigor durante os exercicios 2023 e 2024, ten un potencial de recadación de 1.500 millóns de euros.

O imposto terá tres tramos: un tipo do 1,7 % para patrimonios de entre 3 e 5 millóns; 2,1 % para patrimonios de entre 5 e 10 millóns, e 3,5 % para patrimonios de máis de 10 millóns de euros. 

Ademais, o Goberno elevará un punto, ata o 27 %, a tributación das rendas do capital no IRPF superiores a 200.000 euros, e para as plusvalías superiores a 300.000 euros, elevarase ata o 28 %, dous puntos máis.  

Baixa sociedades a micropemes e limita a compensación de perdas a grupos

A ministra de Facenda anunciou unha baixada do imposto de sociedades ao 23 % para as pemes que facturan menos dun millón de euros e unha limitación temporal da deducións de perdas de exercicios anteriores que poden aplicarse os grandes grupos empresariais.

Montero detallou que a baixada en dous puntos do tipo do imposto de sociedades que facturan menos dun millón de euros beneficiará a 407.000 empresas e permitiralles aforrar 292 millóns de euros.

En cambio, os grandes grupos consolidados só poderán deducirse o 50 % das súas perdas en 2023 -poderán aplicar o resto en 2024-, o que permitirá incrementar a recadación en 2.439 millóns de euros en 2023 e 2024, e só afectará a 3.609 empresas, un 0,2 % do total. 

O Goberno agarda recadar co novo paquete fiscal 3.144 millóns en dous anos

O paquete fiscal do Goberno reportará uns ingresos fiscais netos de 3.144 millóns de euros nos dous próximos anos, logrando "un modelo máis xusto" de sociedade, defendeu este xoves a ministra de Facenda.

Montero insistiu que é "unha proposta conxunta" dos dous partidos que conforman o Goberno de coalición e "forma parte do acordo orzamentario" que espera pechar en breve.

O paquete anunciado este xoves inclúe medidas que afectan ao IRPF -con maiores reducións para rendas baixas-, imposto de sociedades -que baixa para micropemes- e prevé a creación dun imposto temporal para grandes fortunas. 

O paquete de medidas fiscais prevé a baixada de produtos de hixiene íntima feminina, que pasa do 10 % ao 4 %, como xa se anunciara no seu día. 

Rueda celebra que "o Goberno se rectifique a si mesmo"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que se alegra de que o Goberno central rectifique e anuncie unha baixada de impostos. Alfonso Rueda insiste un día máis en que Galicia seguirá a ruta que ten trazada en política fiscal.

Non é partidario Alfonso Rueda dunha harmonización fiscal e defende que cada comunidade debe manter a súa autonomía na toma de decisións sobre os impostos.

En relación ao anuncio do Goberno central, o presidente da Xunta celebra que se sume á rebaixa do IRPF para rendas medias e baixas, pero Rueda critica que o Goberno central manteña o mesmo esquema: "demonizar" as propostas que fai o PP e despois aprobar esas mesmas medidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade