Ollo cos grupos electróxenos, aumentan as intoxicacións polo seu mal uso
O principal requisito é non colocalos en espazos pechados
Sucedeu a semana pasada en pouco máis de 24 horas. Dúas familias, unha de Sanxenxo e outra da Veiga tiveron que ser hospitalizadas por inhalación de monóxido de carbono. En ámbolos dous casos a fonte da intoxicación foi un grupo electróxeno instalado no interior da vivenda. Un erro que se comete con moita frecuencia, sobre todos cos formatos máis domésticos.
"Hai moita xente que pensa que por ser pequeno non xera tantos gases, e si que xera tantos gases e o hai que ter é moito coidado, nós intentamos explicalo sempre que hai que ter unhas pequenas precaucións", explica Alejandro García, dependente dunha ferraxería.
Estes equipos válense dun motor de combustión para producir electricidade e son moi eficaces cando falta a luz. Pero sempre deben estar en espazos exteriores ou cando menos moi ventilados.
"Por que, porque o motor a combustión de gasolina vai xerar fume que vai saír polo seu tubo de escape. Se o facemos nun interior, ese fume vai ocupar esa estancia, no medio do fume vai o famoso monóxido de carbono e teriamos problemas de asfixia e intoxicacións e durante moito tempo mesmo risco de morte", apunta Roberto Carlos Iglesias, cabo do Consorcio de bombeiros da Coruña.
Este é o maior risco, pero non o único. Tamén poden provocar incendios.
"Non podemos enchufar todo o que temos na casa a un grupo electróxeno pequeno porque vai dar problemas e outra recomendación é que sempre que traballamos con equipos dese tipo pois ter a posibilidade de poñer detectores de fume para que che de unha alarma temperá en caso que haxa algún problema", conclúe o bombeiro.
Tamén hai que evitar queimaduras. Moitas prodúcense cando se recarga o combustible sen deixalo arrefriar un tempo.