Rescatan un escalador que caeu dunha altura de 12 metros en Gondomar
O home estaba a practicar escalada na zona das Verticais na parroquia de Vincios
O helicóptero Pesca II, de Gardacostas de Galicia, rescatou este domingo un escalador que sufriu unha caída desde uns 12 metros de altura no monte do Galiñeiro, en Gondomar . O home está ferido de gravidade e foi evacuado ao hospital.
O 112 Galicia rexistrou o suceso contra as 12.00 horas a través do aviso dun particular. Segundo a información proporcionada, o individuo atopábase inconsciente e nunha zona de difícil acceso. A central de emerxencias trasladou a alerta ao 061, aos Bombeiros do Morrazo, o GES de Val Miñor, a Garda Civil e Protección Civil de Val Miñor.
Fontes consultadas dos efectivos de emerxencias explicaron que, en principio, o escalador non realizou correctamente o nó da corda e, ao empezar a baixar, caeu encima do seu compañeiro, que nese momento se atopaba asegurándoo.
Inicialmente, os bombeiros ían baixalo andando, utilizando a técnica do porteo. Con todo, dado a gravidade das lesións que presentaba, os efectivos desprazados solicitaron que acudise o helicóptero de rescate de Gardacostas para evacuar o ferido ao centro hospitalario.