Educación di que "nada levaba a pensar" que ía colapsar o muro do IES Julio Prieto Nespereira
Condolencias públicas en dúas concentracións esta mañá en Ourense con senllos minutos de silencio
No colexio tamén houbo un minuto de silencio a primeira hora en memoria do neno falecido
Loito e conmoción en Ourense pola morte do neno de trece anos ao que lle caeu enriba un muro no vestiario, no IES Julio prieto Nespereira, no barrio do 21.
Por recomendación dos psicólogos e tras avaliar onte a situación cos docentes e o persoal técnico da Consellería de Educación, os alumnos reincorporáronse esta mañá ás aulas. Arredor das 8:15 horas comezaban a chegar os estudantes ata o centro educativo. Na entrada xa se viviron escenas especialmente emotivas, algúns abrazándose visiblemente emocionados.
A recomendación dos expertos é que se trate de recuperar certa normalidade volvendo ás aulas. Para axudar a alumnos e docentes, un grupo e psicólogos vai estar hoxe no centro para axudalos en todo aquilo que precisen.
Alumnos e profesores estiveron acompañados de psicólogos de emerxencias
Unha mañá moi triste para alumnos e profesores do centro que se suman á dor da familia
Ata o instituto Julio Prieto Nespereira desprazouse un equipo de apoio psicolóxico para toda a comunidade educativa. Estiveron toda a xornada acompañando os rapaces para axudalos a canalizar o dó e a superar a perda do seu compañeiro. Hoxe regresaron ás aulas porque en casos de sucesos traumáticos coma este unha das principais recomendacións é recuperar o antes posible a rutina.
José Ramón García, membro do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, di: "Durante as clases de hoxe pódese facer unha homenaxe ao menor, comentar e falar sobre o acontecido, sobre todo con información verídica, porque ás veces nas redes sociais coméntanse cousas que non están contrastadas. Manifestar expresións emocionais, permitir expresar isto nun ambiente natural, como é o instituto".
Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense: "Cremos que é axeitado que non sufran nos seus domicilios e que poidan estar xuntos o día de hoxe".
Os psicólogos prestan especial atención aos compañeiros de clase e aqueles que presenciaron o accidente. Son pasos para axudar os rapaces a superar un período de dó que, desafortunadamente, será longo.
Roman Rodríguez: "Non se percibía nada que levase a pensar o que sucedeu"
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse xa onte cos técnicos tras a morte do neno. O conselleiro explicaba esta mañá que no IES O Sexto non se "percibía" nada que fixese "levar a pensar o que sucedeu". En ningún momento se detectou ningún tipo de anomalía ou queixa" e instou a esperar á investigación xudicial para aclarar as circunstancias en que sucederon os feitos.
"Agardamos que nos digan as causas do que sucedeu e a partir de aí avalialas con moita prudencia e responsabilidades e adoptar as medidas que sexan necesarias".
Román Rodríguez fixo estas declaracións aos medios tras a xuntanza mantida con representantes do claustro educativo do instituto, ao que se trasladou acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén.
O delegado da Xunta en Ourense: "Hoxe toca o máximo respecto, e mostrar ese afecto ás familias e a toda a comunidade educativa"
Gabriel Alén Castro, delgado da Xunta en Ourense, dicía esta mañá no programa 'A revista' de Televisión de Galicia que non hai que facer especulacións ata que se coñezan os informes, e que no día de hoxe hai ter "o máximo respecto, mostrar ese afecto, ese recollemento, polas familias e por toda a comunidade educativa".
Falaba coa TVG despois de participar nun minuto de silencio que se celebrou no colexio a primeira hora desta mañá para honrar a memoria do alumno falecido.
Di Gabriel Alén que é importante que "os rapaces, todos os seus compañeiros, toda a comunidade educativa teña ese momento de recordo de recollemento e quixemos tamén acompañalos. Como os acompañan tamén ese equipo de psicólogos".
Lembra que segundo os psicólogos tamén era importante que o alumnado volverse hoxe ás aulas e "tivesen eses momentos de afecto entre eles".
Os técnicos están traballando na investigación e salienta o delegado da Xunta que non había constancia previa, por parte de ninguén, "de que puidese haber algunha deficiencia". Conta que ao lugar do suceso non teñen acceso máis que os técnicos, pero que onte puideron acceder ao vestiario feminino, que parece estar en "bo estado".
"Evidentemente, algo sucedeu, algo pasou e temos que evitar que volva pasar; poñernos a disposición xudicial, facer todas as achegas que consideren oportunas e, a partir de aí, tomar as medidas oportunas".
"Agora é momento de mostrar o respecto máximo tanto pola investigación xudicial, como polos pais, alumnado e comunidade educativa en xeral", insiste Gabriel Alén.
As instalacións deste instituto son relativamente novas. Confirma o delegado da Xunta que os vestiarios son do ano 2001, "e como digo, na visita ao vestiario feminino está todo aparentemente ben. Pero algo pasou e non pode volver pasar".
Condolencias públicas con minutos de silencio
Esta mañá tamén hai convocadas dúas concentracións en que se van gardar senllos minutos de silencio en memoria do menor falecido.
Ás doce do mediodía, na Praza Maior, diante do concello, celebrouse a primeira concentración en silencio na honra do menor de 13 anos falecido onte no IES coñecido como O Sexto.
A unha da tarde houbo outra concentración diante do Pazo da Deputación Provincial.
Tamen houbo outro minuto de silencio diante da Deputación Provincial de Ourense en memoria do alumno do instituto O Sexto. Un silencio que rematou con aplausos na honra da vítima do tráxico accidente mortal ocorrido no vestiario masculino do centro educativo.
O xulgado de Instrución número tres de Ourense é o que leva a investigación
O fatídico accidente mortal producíase onte contra as dúas da tarde, xusto despois de rematar a clase de educación física, cando unha ducia de alumnos estaba no interior do vestiario masculino. Nun momento, o muro que separa as duchas dos armarios veuse abaixo. A derruba caeu enriba de dous rapaces; un deles quedou ferido leve nun xeonllo e foi levado ao hospital. O estudante faleceu practicamente no momento, malia os esforzos dos equipos de emerxencia, que chegaron axiña.
Agora será a xustiza a encargada de determinar que puido pasar a través da investigación aberta. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou de que o caso o vai levar o Xulgado de Instrución número tres de Ourense e de que se solicitou un informe do estado do muro e unha reportaxe fotográfica completa e mais o precinto da zona ata que se determine que pasou. Ademais, tamén se vai realizar unha inspección técnica do estado das instalacións do centro.