O BNG congrega milleiros de persoas en Santiago para esixir saídas dignas á crise
Os participantes na marcha pediron medidas para paliar a suba abusiva de prezos
A protesta fronte á suba dos prezos da luz, dos carburantes e dos alimentos convocada polo BNG saía ás doce da mañá da praza 8 de marzo de Santiago. Transportistas, agricultores, gandeiros e mariñeiros encargáronse de abrir esta multitudinaria marcha que reclama "unha saída xusta da crise".
A voceira nacional do Bloque pídelles aos gobernos valentía para tomar medidas que eviten o colapso dos sectores económicos máis afectados e que favorezan a maioría social.
Ana Pontón volveu advertir da necesidade dun cambio de modelo enerxético. Propón unha suba de impostos ás empresas eléctricas e que parte dos seus beneficios se trasladen á cidadanía.
Os gobernos non están tomando medidas estruturais que vaian solucionar os problemas. Que miren máis os intereses dos traballadores e das traballadoras, das pensionistas, da pequena e mediana empresa e menos os intereses das grandes coorporacións. O que non podemos esquecer que o que está detrás desta inflación é unha suba dos prezos enerxéticos que levamos soportando dende hai moitos meses.
Miles de persoas secundaron esta marcha que, tras percorrer as rúas máis céntricas da cidade, rematou na praza da Quintana. Neste escenario representantes de distintos sectores afectados pola crise tomaron a palabra. Contaron as súas dificultades para chegar a fin de mes e defenderon o dereito a unha vida digna e un futuro mellor para a maioría da sociedade.