Milei desmárcase do escándalo das criptomoedas: "Non o promocionei, só o difundín"
O mandatario desmente que haxa 44.000 damnificados e afirma que a probabilidade de que haxa arxentinos afectados "é moi remota"
O presidente da Arxentina Javier Milei tentou desmarcarse este luns do escándalo da criptomoeda fraudulenta despois de que durante a fin de semana convidase nas súas redes sociais a investir no token (ficha ou moeda dixital), que carece de apoio da economía real.
"Eu non o promovín, só o difundín", declarou, despois de remarcar que quen participou o fixo voluntariamente. "Se vas ao casino e perdes cartos, que reclamas?", cuestionou nunha entrevista coa cadea de televisión arxentina TodoNoticias.
"Por querer axudar un arxentino levei un sopapo"
Javier Milei asegurou que por querer axudar un arxentino levou un sopapo. "É un problema entre privados, porque acá o Estado non xoga ningún rol, que iso quede claro", aseverou o inquilino da Casa Rosada.
Milei alentou os seus seguidores de X e Instagram a investiren en $LIBRA, coa ligazón dun proxecto que en teoría ía apoiar as pemes na Arxentina. "O chío está exposto nese formato, en que explico que estou a difundir iso para apoiar os arxentinos que fan proxectos e non teñen acceso a financiamento", explicou.
Ao ser preguntado sobre se se arrepentiu e por iso borrou a publicación, manifestou que no medio pasan unha chea de cousas, posto que algunhas persoas empezaron a dicir que lle hackearan a conta. "Iso é falso, eu non teño nada que ocultar, non fixen nada malo (...) Non me vou agochar detrás desa escusa. Claro que o chío o publiquei eu. Por iso o fixei", aseverou. Con todo, ante a onda de comentarios negativos e ante a dúbida, decidiu borrar o chío, aínda que el nunca borra as publicacións.
O mandatario arxentino asegura que é falso que haxa 44.000 damnificados pola compra da criptomoeda: "O primeiro que hai que entender é que aí había moitísimos bots (...) No mellor dos casos, trátase de 5.000 persoas", sostivo, aseverando que as probabilidades de que haxa arxentinos é moi moi remota.
"Os arxentinos, diríache que non creo que haxa máis de cinco. A maioría son estadounidenses e chineses", dixo. Á súa vez, asegurou que son persoas hiperespecializadas neses elementos e que, dadas as dificultades que implicaba participar no evento, había que estar moi metido. "Non é tema menor", resolveu.
O principal grupo parlamentario opositor arxentino, Unión pola Patria (UxP), asegura que estamos ante un escándalo sen precedentes e anuncia que presentará unha solicitude de apertura de xuízo político contra o mandatario por estafa.