Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os menores ucraínos que pasaban o verán en Galicia seguen atrapados no país

Os menores ucraínos que pasaban o verán en Galicia seguen atrapados no país

Segundo a asociación Nenos de Ucraína e Galicia, atópanse nunha zona illada sen corredores humanitarios

G24.gal 06/03/2022 12:54

A comunidade de ucraínos en Galicia vive co corazón nun puño, preocupada polo día a día dos seus parentes, cada vez máis complicado debido ao avance do conflito. A mesma impotencia senten as familias de acollida ao saber das dificultades dos cativos que traían cada verán a pasar as vacacións.

Enrique Iglesias, presidente da Asociación Nenos de Ucraína e Galicia, leva décadas facilitando a chegada de menores dese país. A maioría vive na parte norte, nun lugar illado "sen posibilidades de poder chegar á fronteira con Polonia".

Dende que comezou a invasión, mobilizou todos os medios posibles para brindarlles axuda pero as cousas están complicadas. Este domingo contou no informativo Bos Días da TVG a impotencia que sofren por non poder facer todo o que desexarían.

"Non se poden facer achegas económicas porque pecharon os bancos nas vilas e os caixeiros teñen límites de retirada", lamenta.

Segundo relata, conseguiron enviar material a través de varios camións pero agora están moi preocupados pola seguridade dos pequenos.

"A maior parte vive nun internado nunha localidade a trinta quilómetros da fronteira rusa. Están rodeados. Só poden fuxir cara a Kiev pero é complicado. Nin se fala de corredores humanitarios", asegura.

Dária Kozhushko, ucraína residente en Santiago, ten boa parte da familia preto da capital. Alí permanece o seu pai, que axuda aos militares do país.

Asegura que se atopan ben pero con medo porque "escoitan moitos disparos e caen un montón de bombas". Agora, a súa máxima prioridade é que os seus parentes menores poidan abandonar o país canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade