Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mellora a situación dos incendios e dan por extinguido un dos tres de Ponteceso

Mellora a situación dos incendios e dan por extinguido un dos tres de Ponteceso

A primeira hora deste martes todos os incendios activos en Galicia estaban controlados ou estabilizados

Efectivos antiincendios actuando no incendio e Brantuas (Europa Press/Gustvo de la Paz) Efectivos antiincendios actuando no incendio e Brantuas (Europa Press/Gustvo de la Paz)
G24.gal 05/08/2025 10:04

A Consellería do Medio Rural informou de que un dos tres incendios declarados en Ponteceso, concretamente o da parroquia de Cospindo, deuse por extinguido este luns ás 23:17 horas.

Medio Rural explicou que o incendio rexistrado en Cospindo comezou ás 16:12 horas deste sábado e afectou unha superficie de 245,38 hectáreas, das cales 215,38 corresponden a monte arborizado e 30, a raso. O sábado á tarde incluso obrigou a desaloxar os veciños da aldea de Balarés, xunto á praia.

Ata alí mobilizáronse 14 axentes, dous técnicos, 15 brigadas, 12 motobombas, tres pas, tres unidades técnicas de apoio, catro helicópteros e un avión.

Mellora a situación dos outros dous incendios de Ponteceso

Doutra banda, o incendio da parroquia de Brantuas, tamén en Ponteceso, deuse por estabilizado desde as 23:32 deste domingo e afecta unha superficie de 170 hectáreas. Este iniciouse ás 20:30 horas do sábado e polo momento mobilizáronse cinco técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, tres unidades técnicas de apoio, dous helicópteros e 11 avións.  

Finalmente, o incendio na parroquia da Graña, que afecta unha superficie de 100 hectáreas e comezou ás 00:30 horas deste domingo, deuse por controlado desde as 20:09 deste luns. Para a súa extinción mobilizouse a tres técnicos, 21 axentes, 22 brigadas, 22 motobombas, dúas unidades técnicas de apoio e oito helicópteros. 

Vilardevós e Mondariz

O incendio de Vilardevós, na parroquia de Terroso, deuse por controlado ás 21:47 horas, cunha superficie afectada de 570 hectáreas.

Neste caso foi necesario decretar a situación 2, pola súa proximidade a núcleos de poboación, pero xa foi desactivada, e mobilizáronse 12 técnicos, 57 axentes, 77 brigadas, 51 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións.

Ademais, nas últimas horas tamén se declarou un incendio en Mondariz que supera as 20 hectáreas, na parroquia de Riofrío, e que xa se encontra estabilizado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade