Publicador de contidos

Publicador de contidos

Meliá cesa toda a súa actividade en Cuba a partir deste venres

Meliá cesa toda a súa actividade en Cuba a partir deste venres

O embargo decretado polo presidente dos Estados Unidos contra a illa imposibilita de feito e de dereito unha mínima estabilidade operativa, sinala a compañía

Hotel Meliá en Varadero, Cuba (Meliá Hotels International) Hotel Meliá en Varadero, Cuba (Meliá Hotels International)
G24.gal 21/07/2026 12:05

A hostaleira española Meliá, con 34 hoteis en Cuba, cesará este venres, 24 de xullo, toda a súa actividade na illa caribeña ante as notables dificultades operativas, legais e económico-financeiras no país tras o bloqueo dos Estados Unidos.

Segundo comunicou este martes á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a cadea con sede en Palma de Mallorca e con 34 hoteis en Cuba, a súa filial en Portugal, Ilha Bela Gestão e Turismo, a través da que opera en Cuba en réxime de xestión, tomou a decisión de concluír a partir do 24 de xullo a prestación de servizos en todos os establecementos na illa.

Esta decisión é consecuencia das notables dificultades de carácter operativo, legal, económico e financeiro que, persistentemente, viñeron e veñen afectando a Cuba, tras o embargo decretado polo presidente dos Estados Unidos Donald Trump, que imposibilitan de feito e de dereito unha mínima estabilidade operativa, sinala a compañía.

O cesamento de actividade esténdese ao uso de marcas autorizadas, á actividade receptiva de turistas e á cadea de subministración local vinculada ao abastecemento dos establecementos.

No seu comunicado, Meliá explica que está a avaliar os impactos financeiros desta decisión, incluída a eventual revisión do valor en libros asociado á operativa en Cuba, que concretará cando publique as contas do primeiro semestre. A filial portuguesa traballa para garantir unha transición ordenada para que a saída teña o menor impacto posible en colaboradores, provedores e clientes, sinala a cadea hoteleira.

Xa o pasado 7 de maio, cando presentou os resultados do primeiro trimestre do ano, Meliá comunicou que pechara o 50 % da súa capacidade operativa en Cuba como consecuencia do bloqueo comercial dos Estados Unidos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade