Publicador de contidos
Publicador de contidos

McLemore queda en liberdade provisional tras pagar 50.000 dólares de fianza

McLemore queda en liberdade provisional tras pagar 50.000 dólares de fianza

O aleiro do Breogán está acusado de catro delitos sexuais, incluíndo un cargo por violación

Foi detido e trasladado á prisión de Clakamas e fixouse unha fianza provisional de medio millón de dólares

Se finalmente é condenado no proceso -que continúa aberto-, podería enfrontarse a un mínimo de oito anos e catro meses de prisión

G24.gal 11/04/2024 11:36 Última actualización 11/04/2024 11:44

O xogador do C. B. Breogán Ben McLemore quedou en liberdade provisoria tras pagar 50.000 dólares da fianza despois de prestar declaración este mércores ante a xuíza do condado de Clackamas, acusado de catro delitos sexuais por uns feitos ocorridos en outubro de 2021, cando xogaba nos Portland Trail Blazers da NBA.

Segundo OregonLive, as súas avogadas pagaron o depósito e o de Misuri foi posto en liberdade esa mesma tarde, polo que podería viaxar a España e reincorporarse á disciplina breoganista nuns días. Ademais, ABC News e The Athletic indican que a próxima audiencia xudicial quedou programada para o 1 de xullo.

Pasaban uns minutos das catro da tarde en Portland (a unha da madrugada en España), cando o breoganista Ben McLemore comparecía ante un tribunal de Oregon. Unhas horas antes, o baloncestista entregouse ás autoridades penais de Multhnomah, onde se lle requiría baixo a acusación de catro delitos sexuais: un cargo de violación en primeiro grao, un cargo de penetración sexual ilegal en primeiro grao e dous cargos de abuso sexual en segundo grao, segundo recollen medios estadounidenses, como OregonLive ou ESPN.

Se finalmente é condenado no proceso -que continúa aberto-, podería enfrontarse a un mínimo de oito anos e catro meses de prisión. Tras ser detido e trasladado á prisión de Clakamas e fixarse unha fianza provisional de medio millón de dólares, McLemore declarou ante a xuíza Katherine Weber vestido cunha camiseta, sentado nunha mesa e coas mans situadas ante a súa boca.

Tal e como sinala OregonLive, parte da causa na que está implicado o xogador permanece secreta, xa que o tribunal quere manter o anonimato da vítima e, ademais, a investigación para esclarecer o sucedido segue en marcha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar