Mauro Seguín e Aitana Capeáns brillan nos campionatos de España sub-18 de atletismo
A mugardesa fíxose cos ouros no lanzamento de peso e no de disco aos 16 anos
O atleta do Club Marineda, tamén con 16 anos, gañou o ouro nos 400 metros valados, cunha marca que lle permite ser o líder europeo da categoría
Os campionatos de Castellón deixaron tamén os ouros galegos de Bruno Castro en triplo salto, Pablo Vázquez en 2.000 obstáculos, Sabela Castelo nos 3.000m e Xoel Franco e Irma Veiguela nos 1.500m
Mauro Seguín, co seu ouro nos 400 valados
Castellón acolle os campionatos de España de atletismo sub-18, que deixaron coma mellor noticia en clave galega o dominio dun rapaz de 16 anos, do Club coruñés Marineda. Mauro Seguín García pendurou o ouro nos 400 metros valados, cunha marca de 50,51 segundos. Un tempo que o fai líder europeo da categoría a día de hoxe.
Os campionatos deixan tamén, polo momento, outros tres ouros galegos. No lanzamento de peso acadou o ouro Aitana Capeáns Rey. A da Baña participa tamén na final de lanzamento de disco, no que marcha de terceira.
No triplo salto proclamouse campión o ferrolán Bruno Xastro Pereira, cun salto de 15,28m, a súa mellor marca persoal.
E nos 2.000 obstáculos, o ouro foi para o naronés Pablo Vázquez Maiztegui. Tamén acadou a súa mellor marca persoal cun tempo de 5'45"12.
Nos 1.500 metros masculinos, o vigués do Celta Xoel Franco fíxose co ouro cun tempo de 4'01"04. E nos femininos impúxose a mugardesa Irma Veiguela parando o crono en 4'29"11.
Por último, nos 3.000 metros femininos o ouro foi a parar á pontevedresa do Ourense Sabela Castelo, que fixo un tempo de 9'50"27.
Foto: @atletismoRFEA / Aitana Capeáns, dobre campioa en peso e disco