Matan a tiros en Burgos un policía que fuxira de Galicia cunha arma roubada
O axente enfrontouse a tiros a membros da Policía Nacional e a Garda Civil nunha gasolineira de Villagonzalo Pedernales
O falecido era natural de Ferrol e estaba destinado na comisaría da Coruña, onde o investigaban por un asunto de narcotráfico e onde roubou a arma dun compañeiro
Ao axente retiráranlle a arma e estaba de baixa psicolóxica
Un policía nacional de 48 anos faleceu na madrugada deste mércores nun tiroteo que se produciu contras as 4:00 nunha gasolineira situada á entrada da localidade de Villagonzalo Pedernales, en Burgos.
Fontes policiais confirmaron que o falecido é un policía nacional que procedía de Galicia, de onde fuxira coa arma roubada dun compañeiro.
O axente estaba sendo investigado por Asuntos Internos pola súa presunta implicación nunha operación de tráfico de cocaína rosa na zona de Ferrol, de onde era natural. Daquela detivérano e atopáranlle unha arma non regulamentaria. Fora posto en liberdade con cargos. En Lonzas, antes de fuxir, aproveitou para facerse con outra arma.
"Forzou o armario dun compañeiro e púxose en movemento en principio sen saber cara a onde se dirixía", explicou Pedro de la Fuente, subdelegado do Goberno en Burgos.
Un dispositivo policial foi controlando a súa fuxida grazas ás cámaras de seguridade das autoestradas. Dirixíase cara a Burgos. Preto da cidade, á altura dunha gasolineira déronlle o alto.
"Danlle o alto e sae disparando. Hai un intercambio de disparos e é abatido", explicou de la Fuente.
Os impactos en diversos puntos da estación de servizo e nos coches da Garda Civil mostran a intensidade do tiroteo entre o policía morto e os integrantes das forzas de seguridade que trataban de detelo.
"Eses disparos prodúcense ademais tirando o home e o que me din é que houbo serio risco para a vida dos axentes", sinalou o subdelegado do Goberno en Burgos.
Ante o ocorrido con este axente, o Sindicato Unificado da Policía volveu reivindicar a necesidade de instalar armeiros videovixiados nos cuarteis e de facer un seguimento máis exhaustivo dos axentes en materia de saúde mental.

Investigado por narcotráfico e de baixa psicolóxica
O policía morto era natural de Ferrol e estaba destinado na comisaría coruñesa de Lonzas. A investigación en que estaba inmerso por parte do departamento de Asuntos Internos era por un caso de narcotráfico polo que xa fora detido.
Ao axente retiráranlle a arma e estaba de baixa psicolóxica, e desde o 18 de abril en segunda actividade por insuficiencia de aptitudes psicofísicas, unha situación que tiña pendente de notificar.
Dende o Sindicato Unificado da Policía piden unha maior atención á saúde mental dos axentes.
Roubo da arma e fuxida ata Burgos
Este martes, o axente presentouse na comisaría da Coruña para realizar un trámite administrativo relacionado coa súa situación laboral. Foi nese momento cando se dirixiu aos vestiarios onde ten o seu armario e aproveitou para roubar a arma dun compañeiro forzando o armario onde estaba gardada.
Ao darse de conta ese axente da subtracción da súa pistola púxose en marcha un dispositivo para localizalo. O Centro Operativo de Servizos (COS) da Garda Civil de Burgos recibiu un aviso procedente da Policía Nacional no que se comunicaba que unha persoa armada se dirixía cara a alí pola estrada A-231 e cando se puido determinar a súa posición, preto da capital burgalesa, por parte da Garda Civil e da Policía Nacional estableceuse un dispositivo para interceptalo antes da súa chegada á cidade. Os axentes déronlle o alto, pero fixo caso omiso e disparou sobre eles.
Segundo tiroteo
Continuou a fuxida ata a estación de servizo de Villagonzalo Perdernales, onde se produciu un segundo tiroteo que finalizou coa súa morte.
O servizo rexional de emerxencias 112 recibiu unha chamada en que se alertaba de que había un home ferido tras o tiroteo e que sangraba de forma abundante. Pouco despois confirmouse que a vítima falecera no lugar do incidente.
Aínda que se produciron varios impactos de bala en vehículos oficiais, ningún dos axentes que participaron neste operativo quedou ferido, segundo confirma a Delegación do Goberno.