Marta Fernández Tapias presenta a súa candidatura para presidir o PP de Vigo
É a primeira en anunciar a súa candidatura de maneira oficial para presidir o partido
O Congreso dos populares celebrarase en decembro
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias presentou a súa candidatura este domingo para presidir o Partido Popular desta cidade.
Foi nun acto público celebrado nos xardíns de Montero Ríos, onde Marta Fernández Tapias estivo acompañada dun bo número de afiliados e militantes do partido.
Asegurou estar moi emocionada cunha candidatura que estará aberta a todos e todas. Un novo proxecto baseado na ilusión, no diálogo e centrado en Vigo. Ela é a primeira candidata a presidir un partido que agora mesmo está en mans dunha xestora.
Agora serán os afiliados os que decidan no vindeiro congreso do partido que se celebrará en decembro.
"Anúnciovos que veño aquí hoxe a presentar a miña candidatura para presidir o Partido Popular de Vigo. Hoxe comeza un camiño novo para a cidade, un camiño de ilusión, un camiño onde teremos que traballar moito desde Vigo, por Vigo e para Vigo", declara a actual delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias.