O PPdeG levará a concellos e deputacións unha moción "en repulsa da corrupción"
Nela pretende dicir “xa abonda” á “complicidade", que considera "indecente", do PSdeG e do BNG ante os feitos extremadamente graves que envolven ao Goberno de Sánchez”
Prado definiu Monforte como a “zona cero en Galicia da corrupción do PSOE” despois de que o informe da UCO sobre o caso Koldo lle dedicase catro páxinas por un suposto amaño na contratación dunha obra

O PPdeG levará a todos os concellos galegos e ás catro deputacións provinciais unha moción “en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción”, coa que pretende dicir “xa abonda” á “complicidade", que considera "indecente", do PSdeG e do BNG ante os feitos extremadamente graves que envolven ao Goberno de Sánchez”.
Anunciouno este xoves a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na visita que realizou a Monforte de Lemos, acompañada pola presidenta provincial do PPdeG, Elena Candia.
Prado definiu Monforte de Lemos como a “zona cero en Galicia da corrupción do PSOE” despois de que o informe da UCO sobre a trama do caso Koldo lle dedicase catro páxinas por un suposto amaño na contratación dunha obra.
“O asesor de José Luis Ábalos levou a cabo negociacións para adxudicar unha obra de emerxencia do tramo ferroviario Lugo-Monforte a través dun contrato público de Adif por valor de 1,5 millóns de euros”, explicou, “nun momento no que Óscar Puente xa era ministro de Transportes”.
Ademais, apuntou, cando comezaron “estas prácticas”, a lucense Isabel Pardo de Vera presidía a entidade pública que administra as infraestruturas ferroviarias.
A número dous dos populares galegos criticou que o PSOE, que goberna neste concello, permita que “se dane a imaxe de Monforte e da provincia de Lugo” desta maneira.
Tamén lles afeou aos socialistas que permitisen que “Puente fose condecorado” no Día do Veciño, na cidade de Lugo, e que Pardo de Vera fose pregoeira das festas de Monforte.
“É indecente que a corrupción campase ás súas anchas polo PSOE durante tanto tempo e é difícil de crer que ninguén soubese nada”, dixo Prado, quen lembrou as imaxes de Santos Cerdán en catamarán pola Ribeira Sacra en compañía do alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
Pero para Paula Prado, “máis indecente aínda” é que, ante todo isto, “Besteiro e o PSOE galego, coa complicidade do BNG, sigan ríndolle as grazas a Sánchez e non pidan explicacións nin eleccións”.