Un disco duro comisado a Ábalos podería conter mensaxes con Pedro Sánchez e outros dirixentes do PSOE
Un disco duro comisado a Ábalos podería conter mensaxes con Pedro Sánchez e outros dirixentes do PSOE
A UCO incautouse de 34 dispositivos; un deles, o que a muller que estaba co exministro tentou sacar da vivenda. Algúns medios sinalan que nese disco duro Ábalos gardaba mensaxes con Pedro Sánchez e con outros dirixentes do PSOE.
A Garda Civil segue traballando co material incautado nos rexistros da semana pasada, un deles, na casa de José Luis Ábalos. Agora á UCO tócalle sacar de forma selectiva a información que poida estar relacionada coa trama. E pouco a pouco vanse coñecendo detalles.
A UCO incautouse de 34 dispositivos na casa de Ábalos; un deles, o que a muller que estaba co exministro intentou sacar da vivenda. Algúns medios sinalan que nese disco duro, José Luis Ábalos gardaba mensaxes con Pedro Sánchez e con outros dirixentes do PSOE. "Se hai indicios solidos -di María Jesús Montero- actuaremos con contundencia".
O mesmo día que a UCO rexistrou a casa de Ábalos en Valencia tamén interveu en Granada na vivenda dun exdirectivo de Acciona e a dun exasesor do delegado do Goberno en Andalucía. Hai tamén indicios de irregularidades en adxudicacións de obras públicas.
Paula Prado, secretaria xeral do PP de Galicia, asegura que é unha indecencia que a corrupción campara as súas anchas en Monforte e ninguén soubera nada.
As ramificacións da trama Koldo chega tamén a Galicia. A UCO sinala que o empresario Daniel Fernández lle pediu a Koldo García que utilizase a súa influencia para que lle adxudicaran á empresa Obras Públicas e Regadíos unhas obras do ADIF entre Lugo e Monforte.
É unha obra máis das que aparecen nos informes da UCO. A Garda Civil estima que coa investigación realizada ata agora se puideron frustrar adxudicacións por valor de 290 millóns de euros.