Soengas: "Para acadar tratamentos máis eficientes necesitamos investimento"
Segundo a Asociación Española contra o Cancro, nos vindeiros anos unha de cada tres mulleres e un de cada dous homes padecerá esta doenza
Estímase que no ano 2035 os casos de cancro aumentarán case un 25 % na UE se non se toman medidas contundentes
Esta semana a Asociación Española de Investigación contra o Cancro cumpría 40 anos, catro décadas nas que a investigación conseguiu grandes avances e melloras nos tratamentos. Aínda así, queda moito por facer en canto á prevención e á busca de medicacións máis eficientes.
Segundo a Asociación Española contra o Cancro, nos vindeiros anos unha de cada tres mulleres e un de cada dous homes padecerá cancro. É unha enfermidade que ten un grande impacto nos pacientes, nas súas familias e nos sistemas sanitarios...
A pesar desa perspectiva de futuro nas últimas décadas a investigación acadou grandes logros.
"A investigación está en varios niveis, por unha parte identificar canto antes as células tumorais que temos no organismo, a biopsia líquida é moi importante. Despois tamén intentar un tratamento máis personalizado, máis dirixido e finalmente conseguir que os propios sistemas de defensa do organismo recoñezan e ataquen as células malignas e as eliminen, iso é a inmunoterapia", destaca Marisol Soengas, presidenta da Asociación Española de Investigación contra o Cancro.
O melanoma é un exemplo de como o avance da investigación cambiou a situación dos pacientes.
"Hai pouco máis de quince anos respondían ao tratamento (do melanoma) máis ou menos o 10 % dos pacientes e agora mesmo estamos en índices de resposta de entre un 60 e un 70 %. Estase tamén tratando en fases máis avanzadas", engade.
En temas de saúde a prevención e a investigación van da man. A prevención debe ir acompañada de tratamentos máis eficientes e para iso é necesario máis investimento.
"Antes estudabamos un ou dous ou tres pacientes cada vez, agora estamos estudando centos ou miles de mostras e iso require financiamento, require infraestruturas, planificación e claro para todo iso necesitamos apoio", di Marisol Soengas.
Segundo o Plan europeo de loita contra o cancro, se non se toman medidas contundentes, estímase que, de aquí a 2035, os casos de cancro aumentarán case un 25 % e esta doenza converterase na primeira causa de morte na UE.