Mario Soriano: "Non hai que mirar atrás, iso só inflúe para mal"
O mediapunta descansou no último partido de liga contra o Pontevedra
Despois de que escapase o obxectivo do ascenso directo, o Deportivo pasa páxina e céntrase en subir a través das dúas eliminatorias da fase de ascenso. Mario Soriano insistiu na necesidade de traballar psicoloxicamente para que a decepción de non seren primeiros non inflúa de forma negativa nestes partidos.
"Debemos esquecernos de todo o que pasou, das cousas malas e boas. Temos que centrarnos nesta semana, porque só nos queda isto. Non hai que mirar atrás, iso só inflúe para mal. O importante é pensar en máis nada que esta fin de semana", afirmou antes do adestramento deste xoves.
Soriano verase cun dos seus mellores amigos, o exdeportivista Josep Calavera:
"Falei con el, como fago case sempre despois dos partidos, e temos moitas ganas de enfrontarnos, aínda que tamén será triste, porque un dos dous non vai seguir adiante".
O mediapunta, que descansou no último partido de liga contra o Pontevedra, sinalou que o Deportivo chega con confianza ao choque contra o Castellón:
"Todos estamos moi confiados de que se pode lograr o ascenso, agora queremos demostralo en Riazor e ir con vantaxe para o partido de volta. Fóra é certo que se nos complicou durante toda a tempada, pero hai que esquecerse. Primeiro hai que pensar en Riazor e, logo, Castellón".