María Pérez marcha cara a historia revalidando os seus dous ouros mundiais en Toquio
A granadina acadou o ouro en 20 quilómetros marcha, que suma ao dos 35 quilómetros de hai unha semana
A galega Antía Chamosa rematou a proba no sétimo posto

María Pérez acadou un novo ouro mundial nos 20 quilómetros marcha dos Mundiais de atletismo de Toquio, co que revalida os dous títulos de Budapest en 2023 e suma estes catro ouros ao olímpico que tamén posúe. A granadina impúxose cun tempo de 1h25:54, por diante da mexicana Alegna González (1h26:06) e da xaponesa Nanako Fuji (1h26:18)
María Pérez convértese con esta fazaña na primeira muller que defende con éxito dous ouros mundiais, e entra nun exclusivo grupo no que están tamén atletas da talla de Carl Lewis, Usain Bolt e Mo Farah. É xa a mellor atleta española que, ademais destes catro ouros, ten un europeo e o do relevo mixto por equipos nos últimos Xogos de París. Agora, a súa meta é o ouro individual nos Ánxeles.
A galega Antía Chamosa fixo unha boa carreira, e rematouna no sétimo posto cun tempo de 1h27:55, pechando a participación dos nosos atletas nestes campionatos, que non acadaron metais. Chamosa superou as súas propias expectativas, segundo afirmou despois, logo de facer "a carreira soñada".
A final masculina tamén deixou medalla para a delegación española. Acaouna Paul McGrath, cun tempo de 1h18:45, a dous segundos do chinés Wang, e a dez do brasileiro Caio Bonfim, novo campión mundial.