Margarita del Val ve prematuro abordar a covid como unha gripe
A viróloga do CSIC afirma que cómpre coñecer antes o impacto que a ómicron ten nas persoas maiores
Augura que a pandemia podería rematar en Semana Santa
A viróloga do CSIC, Margarita del Val, considera prematuro "gripalizar" neste momento a pandemia da covid. O Goberno baralla establecer un protocolo semellante á da gripe común para facer seguimento aos contaxios por coronavirus. Del Val cre que este non é o momento axeitado. Explicábao no Galicia por diante da Radio Galega.
"Cando pase esta onda e saibamos o impacto que ten sobre as persoas maiores poderase pensar en considerala unha enfermidade endémica".
Margarita del Val cre, como a OMS, que en oito semanas a metade dos europeos poderíanse ter infectado coa ómicron, xa que a capacidade de contaxio do virus -mesmo entre a poboación vacinada- é moi alta.
A viróloga do CSIC opina que non deberían relaxarse aínda as medidas ata coñecer o impacto desta sexta onda entre os maiores de sesenta anos. Pensa que a covid non se converterá en enfermidade endémica ata a Semana Santa.
"Non é o momento de deixarse infectar nin de relaxar medidas pensando que é unha enfermidade benigna, porque a capacidade de contaxio é máis alta en inverno".
Margarita del Val calcula que a incidencia real do virus en España podería ser ata 1,5 ou 2,5 veces máis alta que a cifra oficial que manexan as autoridades.
Ve difícil que no actual contexto se poida desconxestionar e a atención primaria e a hospitalaria e non é partidaria de inocularlle á poboación unha cuarta dose da vacina.
"Eu non son partidaria de que nos vacinemos continuamente. O importante é que se vacine quen ten cero doses. Os que non están vacinados están en alto risco. A vacina non é un milagre, pero fai milagres".