Marcelinho acaba coa resistencia do Obradoiro
Derrota por 86-83 na pista do Lenovo Tenerife nun partido igualado decidido nos últimos catro minutos
O base brasileiro foise ata os 33 puntos e executou ao Obradoiro
O Obradoiro perdeu na pista do Tenerife (86-83) malia realizaren un gran esforzo e pelexar ata o derradeiro segundo. Marcelinho foi o factor determinante con 33 puntos.

Tivo unha boa saída o equipo galego que mandou durante o primeiro cuarto grazas ao acerto de Robertson (2 triplas). No equipo local Marcelinho, con 8 puntos, comezaba a apuntar maneiras do que sería o seu gran partido (16-19).
O Obradoiro chegou a ter cinco puntos de vantaxe durante moitos intres do segundo cuarto pero na parte final do período o Lenovo Tenerife deulle a volta ao partido e cunha tripla de Doonerkamp no último segundo poñía unha máxima de 5 puntos (40-35).
O terceiro cuarto parecía que rachaba o encontro para os locais, que rozaron os dez de vantaxe (64-56) pero o Obradoiro agarrouse ao partido e conseguiu igualar (68-68) cando quedaban seis minutos para o final.
Pero o final do Tenerife resultou demoledor. Primeiro Marcelinho liderou un parcial de 9-2 (77-70) e logo Fitipaldo con 7 puntos consecutivos poñía o 84-75. Recurtaron diferenzas os santiagueses pero foi insuficiente para levar o triunfo.