Malestar entre veciños e comerciantes pola redución de prazas de aparcamento en Santiago
Logo das obras realizadas na avenida de Lugo, reduciron os aparcadoiros nunha zona con poucas prazas de garaxe dispoñibles
Os veciños tamén piden unha maior sinalización para os peóns no cruzamento cos Concheiros
Veciños e comerciantes da avenida de Lugo e da rúa Concheiros, en Santiago, están molestos pola falta de aparcadoiros.
Din que dende que se acometeron as obras nesta zona reduciron as prazas para aparcar. Tamén suscita confusión entre os peóns o cruzamento dos Concheiros, pois para moitos falta máis sinalización que indique por onde deben cruzar a rúa.
Confusión entre os peóns que intentan cruzar a avenida de Lugo, no cruzamento con Concheiros, pero tamén para moitos condutores que tampouco teñen claro por onde está permitido pasar cos vehículos.
Para os veciños da zona falta unha sinalización clara e ven insuficientes as luces vermellas no chan que indican a prohibición de cruzar os peóns.
As obras que se realizaron na avenida de Lugo tamén reduciron as prazas de aparcamento e agora no espazo habilitado para carga e descarga tampouco poden deixar os coches na fin de semana.
"Non hai aparcamentos para que poidan parar os clientes"
Unha zona, ademais, en que as prazas de garaxe son escasas, por iso os residentes ven moi limitados os aparcadoiros. Unha circunstancia que tamén afecta os comerciantes do barrio dos Concheiros, que logo de ano e medio as obras continúan, e din prexudica o movemento da xente e, polo tanto, aos seus negocios.
Neste senso o Suso Fernández, presidente da Asociación de empresarios do barrio de San Pedro, recalca que esta situación afecta gravemente ao comercio.
"O pouco tráfico que hai é de paso e para as mercadorías que traen ao barrio, pero non hai aparcamentos para que poidan parar os clientes", engade.
De todos os xeitos, a asociación de comerciantes agarda a que rematen as obras para que mellore a situación, pois, segundo lles traslada o Concello, habilitaranse algunhas prazas de aparcadoiro nocturnas para residentes, e outras diúrnas cun tempo limitado a unha hora para que a xente poida comprar no barrio.