Máis dun mes co garaxe inundado e sen ascensor
Os veciños dun edificio de Cangas levan máis dun mes co garaxe inundado, o ascensor inoperativo e soportando fortes cheiros
Agora teñen oito bombas achicando auga, pero séguelles entrando unha cantidade importante mesturada con restos fecais
Dende o portal e dende o garaxe, as bombas tratan de retirar a auga acumulada no baixo dun edificio da ría Noria, en Cangas. Extraen uns 200.000 litros por hora. Antonio Castillo, veciño do edificio, relata que "sacaron máis de 10 millóns de litros de auga con oito bombas pequenas e dous grandes, pero hoxe está o garaxe igual, con trinta centímetros de auga. Os restos de lodo como de depuradora acadan os 50 centímetros nalgúns puntos"
E co garaxe inundado, levan máis dun mes sen poder empregar o ascensor e soportando fortes cheiros. Temen que se a obra se retrasa, chegue o calor e con el novos problemas como pragas de bichos ou o mosquito tigre.
Os veciños manteñen que se trata dunha filtración de augas fecais e reclaman que se actúe con urxencia. "O Concello, a alcaldesa, xa nos dixo que nos vai apoiar no que poidan e mandaron dúas bombas potentes. O que nos falla é a concesionaria, que ten que meter unhas cámaras para ver as tubaxes. Deixárono para o venres, a ver se é verdade", explica Antonio.
Polo momento, este tramo da rúa Noria permanece pechado coas bombas traballando sen descanso.