Máis dun cento de oncólogos abordan os novos tratamentos en Ourense
A cidade acolle o XIV Curso SOGUG de Cancro Renal e Tumores Xerminais, que reúne 130 especialistas de toda España
A inmunoterapia como tratamento contra os cancros de ril e de vexiga mellorou notablemente a esperanza e a calidade de vida dos pacientes
Os pacientes aos que a quimioterapia non lles resulta efectiva son un dos obxectivos prioritarios deste curso en que máis dun cento de especialistas abordan os últimos avances no diagnóstico, nos tratamentos e nas expectativas para o futuro.
Ovidio Fernández Calvo, Oncólogo do CHUO e coorganizador do curso: "Mellorar os avances que se produciron nos últimos anos, que vai ser complicado, con novos tratamentos, con combinacións dos tratamentos actuais con novos tratamentos, e tamén, e esta é a clave, se se pode, que tampouco é fácil, avanzar cara a unha medicina personalizada".
Os avances tecnolóxicos e de investigación, con tratamentos tan revolucionarios como a inmunoterapia foron claves para as porcentaxes actuais de curación que no caso dos tumores testitulares localizados ascende ao 90 % e no de ril, tamén en casos localizados, o 70 %.
Aránzazu González del Alba, oncóloga do Hospital Puerta de Hierro Majadahonda: "O máis importante é que nestes tumores houbo uns avances que permiten mellorar a expectativa de vida dos pacientes e tamén a súa calidade de vida".
O curso está promovido polo Grupo Español de Oncoloxía Xenitourinaria, SOGUG, constituído hai 25 anos para promoveren a investigación e compartir coñecementos.