A Xunta controla de preto o caudal de seis ríos por risco de inundacións
Este domingo poderían ser máis porque a partir da tardiña volverá chover con intensidade
Máis dun aproveitou este sábado, unha xornada de transición entre borrascas, para dar un paseo pola natureza sen a garantía de enchouparse dos últimos días.
"Realmente en toda a semana é o día en que se está mellor", dicía un paseante.
"Dixen, vou dar unha volta que para ler vai haber tempo, porque os días que veñen son todos de chuvia forte e vento", engadía outro.
Apenas chuviscou, pero ao carón de ríos e fervenzas conviña igualmente ir con precaución. Con toda a auga que leva caída este mes baixan moi por riba do seu caudal habitual.
"Hai que ter coidado porque á mínima patinas nas pedras e marchas abaixo", advertía un ciclista.
A Xunta mantén activo o plan especial ante o risco de inudacións, INUNGAL.
Sete ríos en seguimento
Na tarde deste sábado había seis ríos en seguimento: o Mandeo, en Coirós; o Mero, en Cambre; o Barcés, en Abegondo; o Gallo, en Cuntis; o Cabeiro, en Redondela e o Miñor, en Gondomar.
Este domingo poderían ser máis. A partir da tardiña vai volver chover con forza, sobre todo na provincia de Pontevedra, na montaña de Ourense e en boa parte da provincia da Coruña.