Xura de bandeira civil en Vigo cos buques insignia da armada como testemuñas
Para xurar ou prometer ante a bandeira hai que ter nacionalidade española e ser maior de idade
As fragatas Blas de Lezo e Cantabria presidiron o acto no peirao de transatlánticos
O peirao de transatlánticos de Vigo acolleu este sábado a xura de bandeira civil ante os dous buques da armada Cantabria e Blas de Lezo, un evento que acolle a cidade olívica desde o 2022 e que cada edición conta con máis solicitudes.
Simboliza o compromiso coa defensa do país sendo homes e mulleres civís, non militares. O almirante xefe do arsenal de Ferrol, o vicealmirante Gonzalo Villar Rodríguez, presidiu o acto.
Desta volta, xuraron 106 homes e mulleres, principalmente de Vigo e a súa contorna. De fondo, o Blas de Lezo, unha fragata antiaérea que opera en escenarios que o demanden desde 2006, e o Cantabria, un buque de aprovisionamento de combate.
Primeiro, o vicealmirante pasou revista ás tropas e, despois, a bandeira do terzo norte da Infantería de mariña quedou disposta para o xuramento. O comandante Javier Antonio Palmero cruzou o sable diante dela. O xuramento sélase cun bico.
Con este tipo de actos, o exército pretende achegar á rúa o traballo das forzas armadas.
"O que queremos é que vexan a bandeira de preto, que a sintan como súa, que sintan como traballan as súas forzas armadas. Estamos sempre traballando por eles, para a súa seguridade, para a súa estabilidade, e para a súa prosperidade", conta á TVG Gonzalo Villar Rodríguez, Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol.
"E hoxe temos aquí as fragatas Blas de Lezo e Cantabria, está aquí o Almirante e a cidade está feliz e está contenta porque a nosa relación coa Armada Española é íntima e fantástica", engade Abel Caballero, alcalde de Vigo.
O almirante xefe do arsenal de Ferrol e o alcalde da cidade depositaron unha coroa de flores en homenaxe aos soldados de todos os tempos mortos en acto de servizo.