As áreas de Vigo e A Coruña rexistran máis de 600 contaxios diarios
Día de Nadal con longas ringleiras nos puntos en que se realizan probas diagnósticas
A pesar do incremento de positivos nun día, mantense estable a presión hospitalaria
Remata un día de Nadal sinalado no calendario por deixarnos cifras para a reflexión. Os contaxios seguen crecendo. Tanto na área de Vigo coma na da Coruña confirmaron nun só día máis de 1.200 novos positivos: 638 na da Coruña e 636 na de Vigo, as dúas máis altas de Galicia.
"Son cifras moi altas e haberá que agardar a finais das festas de Nadal. Ata entón seguiremos tendo unha incidencia diaria moi alta".
Son as palabras dunha das responsables que traballa no covid auto de Vigo. Nestes puntos habilitados para facer estas probas diagnósticas, a estampa é similar. Longas ringleiras de xente para determinar se estamos contaxiados.
A área sanitaria de Vigo lidera o número de casos activos, case 6.400 pacientes coa infección, a máis alta de Galicia. Pero a pesar destas cifras a presión hospitalaria mantense estable. Incluso en Vigo descende respecto a onte, con seis pacientes menos nos hospitais.
Iniciamos unhas festas de moita actividade social e familiar. Aínda quedan días de celebración e o pico desta pandemia, segundo os propios sanitarios, aínda está lonxe. Volven insistir na precaución e sobre todo na paciencia.
"Nós aquí non deixamos de ser meros traballadores. Intentamos facelo o mellor que podemos pero pedimos paciencia. Nós tamén temos familia, estamos aquí a traballar e tamén estamos moi cansos con todo isto".